A Xunta convoca os exames Celga en liña por segunda vez co dobre de prazas que o ano pasado
A proba, que certifica o dominio da lingua no nivel 4, terá lugar o 27 de novembro para un total de 200 persoas
O prazo para presentar as solicitudes é de dez días hábiles a partir do día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia
As inscricións deben facerse a través da sede electrónica do Goberno galego e da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia convoca por segunda vez os exames Celga en liña, tras a primeira experiencia realizada o ano pasado e incrementando as prazas nesta edición de 100 a 200. Así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia que establece a data de realización das probas que certifican o dominio da lingua galega para o nivel 4 o 27 novembro.
Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, facilita o acceso aos exames para todas aquelas persoas que non poidan acudir de maneira presencial nos lugares e datas fixadas. Así, deberán inscribirse nun prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte da súa súa publicación, a través da sede electrónica da Xunta, ademais de presentar tamén a solicitude na plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua.
Cómpre lembrar que para realizar os exames, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun ordenador con conexión a internet e unha cámara web, á que accederá o sistema durante o tempo que dure a proba en liña co obxecto de verificar que a persoa a realiza de xeito autónomo e sen axudas externas. De igual modo, deberá contar cun micrófono para a gravación de voz e altofalantes. Ademais, é necesario facer a proba cun teléfono móbil, xa que permitirá controlar o posto no que a persoa realiza o exame desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador.
No caso de que haxa máis peticións que prazas dispoñibles, a asignación levarase a cabo a través dun sorteo aleatorio, sen prioridade por orde de chegada, a partir da relación de persoas solicitantes, que se realizará nun acto público o 4 de novembro no salón de actos da sede da Secretaría Xeral da Lingua.