DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 15 de outubro de 2026 Páx. 52661

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2026, da Secretaría Xeral da Lingua, pola que se convoca a proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2026 (código de procedemento PL500G).

O Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, do 27 de maio), atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, a planificación, a coordinación e a execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral da Lingua o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería. En particular, de acordo co artigo 7.1.i) do citado decreto, a Secretaría Xeral da Lingua ten atribuída a competencia para convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento do galego.

Así mesmo, o artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 146, do 30 de xullo), sinala que a Secretaría Xeral da Lingua, logo da proposta da Comisión Central de Avaliación, convocará as probas para a obtención dos citados certificados de coñecemento da lingua galega por medio dunha resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Neste marco, a Secretaría Xeral de Lingua vén convocando as probas para a obtención dos Celga que, desde 2025, se realizan non só de modo presencial senón tamén en liña, grazas ás posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Para levar a cabo as probas en liña, cóntase ademais coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que ten entre os seus obxectivos executar instrumentos no ámbito das TIC que impulsen a modernización da Administración pública e que contribúan ao desenvolvemento económico e social de Galicia.

Como na primeira convocatoria en liña, establécese a realización dunha proba do nivel Celga 4, ben que se duplica o número de prazas dispoñibles.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

1. Obxecto.

Convocar a proba en liña para a obtención do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) no ano 2026, con código de procedemento administrativo PL500G.

2. Persoas destinatarias e número de prazas.

2.1. Esta convocatoria diríxese ás persoas maiores de dezaoito anos ou que os fagan antes da data de realización da proba, establecida no número 3.

2.2. O número de prazas dispoñibles para realizar a proba en liña do Celga 4 será de duascentas (200).

3. Data de realización da proba.

A proba terá lugar o 27 de novembro de 2026, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida.

4. Presentación de solicitudes e prazo.

4.1. As persoas que desexen inscribirse nesta convocatoria deberán presentar dúas solicitudes: unha, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para os efectos do rexistro oficial de entrada e a correspondente tramitación administrativa, e outra, a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, pois esta constitúe o soporte técnico indispensable para a realización da proba en liña. A orde de presentación de ambas as solicitudes é indiferente, sempre que se efectúe dentro do prazo establecido no número 4.5.

4.2. A presentación da solicitude a través da sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal, realizarase a través do formulario normalizado (anexo I). A capacidade técnica e a dispoñibilidade dun equipamento informático que permita realizar a proba en liña obxecto desta convocatoria xustifican a obrigatoriedade da devandita presentación electrónica.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e a clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) ou o sistema Cl@ve Pin ou Cl@ve Permanente.

4.3. A presentación da solicitude a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, https://formacion-lingua.xunta.gal, realizarase do seguinte xeito: primeiro, a persoa solicitante accederá á devandita plataforma mediante o seu nome de usuario/a e o contrasinal; a continuación, seleccionará a proba e inscribirase nela. Se unha persoa non é usuaria da plataforma, deberá rexistrarse previamente nela. O nome e apelidos facilitados na plataforma deben coincidir cos do documento que acredita a súa identidade (DNI, NIE ou pasaporte).

4.4. Para realizar a proba, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con:

• Conexión á internet (de banda larga).

• Navegador web debidamente actualizado (recoméndase ter instalada a última versión de Chrome).

• Cámara web debidamente configurada no ordenador, á cal accederá o sistema durante o tempo que dure a proba en liña para controlar e verificar que a persoa realiza o exame de xeito autónomo e sen axudas externas.

• Micrófono debidamente configurado no ordenador para permitir a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).

• Altofalantes debidamente configurados no ordenador para permitir escoitar son (non se poderán utilizar auriculares durante a proba).

• Acceso á conta de correo electrónico especificada no formulario de solicitude.

– Un teléfono móbil que complementará o ordenador durante a proba e que permitirá que o sistema controle o posto en que a persoa realiza o exame en liña desde un segundo punto de vista diferente ao obtido pola propia cámara web do ordenador, con:

• Conexión á internet (de banda larga).

• Aplicación de cámara para vincular un código QR no momento de iniciarse a proba.

• Habilitación de permisos para acceder á cámara e ao micrófono.

• Aplicación Chrome instalada no teléfono móbil.

4.5. O prazo de presentación das solicitudes, tanto a través da sede electrónica como da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Lingua, será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

5. Documentación complementaria.

5.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte, en caso de que a persoa solicitante acredite a súa identidade con este documento.

b) Copia do certificado de discapacidade expedido por unha Administración distinta da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

5.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Comprobación de datos.

6.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

6.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

7. Asignación das prazas.

7.1. Se se reciben máis solicitudes ca prazas dispoñibles (200), a asignación destas farase a través dun sorteo aleatorio puro. Este sorteo consistirá na obtención sucesiva de números ao azar coa execución dunha rutina informática aleatoria. A partir da relación de persoas solicitantes, obterase a listaxe de persoas seleccionadas e mais a listaxe de agarda. Polo tanto, a orde de entrada das solicitudes será indiferente.

7.2. O sorteo realizarase en acto público, o día 4 de novembro de 2026, ás 11.00 horas, no salón de actos da sede da Secretaría Xeral da Lingua (rúa de San Roque, 2, Santiago de Compostela). Posteriormente, de acordo co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Secretaría Xeral da Lingua publicará na súa páxina web (https://www.lingua.gal) a resolución coa listaxe de persoas seleccionadas e a listaxe de agarda. Así mesmo, todas as persoas solicitantes recibirán na súa conta de correo electrónico un aviso que lles comunicará se foron seleccionadas ou se figuran na listaxe de agarda.

8. Pagamento da taxa.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal) da resolución coa listaxe de persoas seleccionadas, abrirase un prazo de cinco días naturais para que estas paguen a taxa de dereitos de exame e presenten o xustificante correspondente.

8.2. De acordo coa Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o tipo da taxa para a inscrición na proba non experimentará ningunha actualización respecto á contía exixible no momento da entrada en vigor da devandita lei, de modo que continúa a ser de 16,92 euros.

8.3. O pagamento da taxa poderá realizarse de forma telemática ou presencial. En todo caso, a persoa admitida terá que acceder á súa Carpeta cidadá da sede electrónica da Xunta de Galicia, que permite realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente.

Desde a devandita Carpeta cidadá, a persoa admitida poderá pagar directamente a taxa a través da sede electrónica, caso en que o xustificante xa se xera automaticamente. Outra posibilidade é acceder á oficina virtual tributaria (https://ovt.atriga.gal) e pagar mediante tarxeta, bizum ou cargo na conta e achegar o xustificante de pagamento a través da Carpeta cidadá.

Para realizar o pagamento de forma presencial, tamén accederá á oficina virtual tributaria para descargar un modelo en branco e cubrilo ou imprimilo xa cuberto grazas á aplicación; posteriormente, pagarase nunha entidade financeira colaboradora ou farase unha transferencia bancaria nunha entidade financeira non colaboradora e, finalmente, achegarase o xustificante de pagamento a través da Carpeta cidadá.

Os códigos correspondentes á taxa son:

Consellería: Cultura, Lingua e Xuventude. Código 10.

Delegación: Servizos Centrais. Código 13.

Servizo: Secretaría Xeral da Lingua. Código 09.

Denominación taxa: inscrición nas probas homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais a acreditación do nivel correspondente, de ser o caso. Código: 304401.

8.4. As persoas que non paguen a taxa e non presenten a xustificación correspondente no prazo de cinco días naturais establecido no número 8.1 considerarase que renuncian á súa praza, a cal se lles ofrecerá, por orde, ás persoas da listaxe de agarda.

8.5. De acordo co artigo 23.11 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, logo da xustificación documental, estarán exentas do pagamento da taxa.

9. Publicación dos resultados da proba.

Os resultados provisionais da proba publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal), no prazo máximo de tres meses desde a súa realización, salvo que se acorde a súa ampliación.

Os resultados definitivos da proba publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua (https://www.lingua.gal), no prazo máximo de cinco meses desde a súa realización, salvo que se acorde a súa ampliación.

10. Procedementos de reclamación ou de revisión da proba.

Tras publicárense os resultados provisionais, as persoas interesadas, mediante un escrito dirixido á Secretaría Xeral da Lingua ou á conta sxpl.probascelga@xunta.gal, poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles, a revisión da proba por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución que corresponda e comunicaralles os criterios que determinaron a cualificación obtida.

Tras publicárense os resultados definitivos, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. Desenvolvemento da proba.

11.1. Con antelación suficiente á data da proba, a Secretaría Xeral da Lingua comunicaralles ás persoas seleccionadas as instrucións que deberán seguir para a súa realización. Entre estas, será necesario:

– Acceder á plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua (https://formacion-lingua.xunta.gal) co nome da persoa usuaria e o contrasinal.

– Rexistrar a súa imaxe no sistema en dous pasos: primeiro, a persoa fará unha foto mediante a cámara web e, a continuación, cando llo pida o sistema, mostrará ante a cámara web o seu DNI, NIE ou pasaporte (parte dianteira e parte traseira). Deste modo, o sistema deixará rexistrada a súa identidade para que, posteriormente, o persoal responsable da proba poida contrastala coas imaxes que o sistema obtivese da persoa durante a realización do exame.

11.2. A proba en liña seguirá os mesmos parámetros que as probas presenciais.

Para realizar a proba escrita, que constará de dúas partes (A1 e A2), a persoa disporá dun máximo de tres horas. A parte A1 consistirá en redactar un texto tras visionar un vídeo e a parte A2 consistirá en redactar un texto tras ler outro texto escrito.

En canto á proba oral, esta terá unha duración máxima dunha hora e constará de catro partes: lectura dun texto, resumo oral deste, exposición oral a partir dunha frase relacionada co tema do texto lido e, finalmente, resposta oral a diversas cuestións tamén relacionadas co devandito texto.

12. Expedición e rexistro dos certificados.

A Secretaría Xeral da Lingua expediralles os certificados ás persoas que superen a proba.

Os certificados constarán nun rexistro oficial en que figurarán os seguintes datos: nome e apelidos, número de DNI, NIE ou pasaporte, lugar, data e resultado da proba e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar na proba comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.

13. Notificacións.

13.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

13.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

13.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

13.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

13.5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

15. Recursos contra a resolución de convocatoria da proba.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, todas as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

16. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non se ditar unha resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contará desde a data de peche do prazo de presentación de solicitudes previsto na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

Valentín García Gómez
Secretario xeral da Lingua

missing image file
missing image file
missing image file