Preto dun millar de escolares da Área Sanitaria de Ferrol participan desde esta semana no programa piloto de vacinación en centros educativos
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da subdirectora de Enfermería, Begoña Vidal, supervisaron esta mañá a xornada que se levou a cabo no CEIP Cruceiro de Canido
O programa amplíase nesta segunda edición a catro centros educativos da área sanitaria: CEIP Cruceiro de Canido, CEIP Plurilingüe Ponzos, CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón
O obxectivo é acadar unha cobertura do 60% do alumnado matriculado nos 75 centros educativos de toda Galicia que participan este ano na iniciativa
Ferrol, 15 de outubro 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CEIP Cruceiro de Canido con motivo do arranque da segunda edición do programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe posto en marcha polas consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidades e FP no que está previsto tomen parte 992 escolares na área sanitaria de Ferrol.
Acompañada da subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria, Begoña Vidal; e dos directores territoriais de Educación, Santiago Freire; e Sanidade, Cristina Pérez, Aneiros comprobou o desenvolvemento da primeira xornada de vacinación neste centro educativo que se incorpora por primeira vez ao programa.
Neste centro, un equipo de enfermería está a inmunizar, de forma voluntaria e por vía intranasal, aos alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e todos os cursos de Educación Primaria, é dicir, de entre 3 e 11 anos.
O CEIP Cruceiro de Canido é un dos catro centros educativos da área sanitaria de Ferrol que participan este curso no proxecto xunto aos CEIP Plurilingüe de Ponzos, o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón.
A delegada territorial sinalou que o obxectivo é acadar unha cobertura do 60 % do alumnado matriculado nos 75 centros educativos de toda Galicia que participan este ano no programa piloto -un total de 26.536 nenos e nenas- co obxectivo de facilitar o acceso á vacina na poboación infantil e, deste xeito, aumentar a cobertura.
Vacinación infantil en centros de saúde
Á marxe do proxecto piloto escolar, esta semana tamén se iniciou nos centros de saúde a vacinación para toda a poboación infantil -de 6 meses a 11 anos-, que a partir dos 2 anos recibe a vacina intranasal sen picada.
Aneiros lembrou que a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid empezou o 28 de setembro polas residencias de maiores e centros sociosanitarios e luns 19 de outubro estenderase ás persoas de 70 ou máis anos.
Posteriormente, o 2 de novembro, a Xunta continuará coa vacinación das embarazadas e o día 9 de novembro coas persoas a partir de 60 anos.
A delegada aproveitou a ocasión para facer un chamamento á cidadanía a sumarse á campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 que conclúe o próximo 31 de decembro e coa que o Goberno galego pretende seguir consolidando a posición dianteira que ten Galicia en materia de prevención ao contar co calendario de vacinación máis completo de España.
Agradeceu ademais a implicación das familias e o traballo dos profesionais sanitarios, especialmente o persoal de enfermería polo seu “papel esencial” na campaña.