O delegado territorial agradece a colaboración de centros escolares e familias nunha visita á campaña de vacinación antigripal no Xunqueira 2
A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés conta con nove centros educativos participantes e 3.115 escolares convocados nesta segunda edición do proxecto piloto, que amplía a súa cobertura para facilitar a inmunización infantil.
A nivel autonómico, o obxectivo é alcanzar unha cobertura antigripal do 60 % na poboación infantil
Pontevedra, 15 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá, acompañado pola directora asistencial da área sanitaria Pontevedra-O Salnés, Yolanda Sanduende, o CEIP A Xunqueira 2, en Pontevedra, con motivo do inicio da segunda edición do proxecto piloto de vacinación antigripal nos centros educativos, unha iniciativa que permite administrar a vacina intranasal, sen picada, ao alumnado de entre 3 e 11 anos.
A iniciativa esténdese este curso a 75 centros educativos de Galicia, 20 máis que na edición anterior, co obxectivo de chegar a 26.536 escolares e avanzar cara a unha cobertura antigripal do 60 % na poboación infantil.
Tal é como sinalou a directora hospitalaria, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés participan nove centros educativos, nos que están convocados un total de 3.115 escolares. Ademais do CEIP A Xunqueira 2, a campaña desenvólvese no CEIP Vilaverde-Mourente, no CPR Sagrado Corazón de Jesús e na Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, en Pontevedra; no CPR Sonrisas y Lágrimas, na Illa de Arousa; no CEIP San Tomé, en Cambados; no CPR San Narciso, en Marín; no CEIP Arealonga e no CPR Sagrada Familia, ambos en Vilagarcía de Arousa.
Pola súa banda, o delegado territorial agradeceu a colaboración das familias, dos equipos sanitarios e dos centros educativos participantes, cuxa implicación resulta fundamental para o desenvolvemento desta iniciativa preventiva e para facilitar a protección dos máis pequenos fronte ás infeccións respiratorias.
O proxecto piloto busca facilitar o acceso á vacinación dos nenos e nenas, ao desprazarse os equipos de enfermaría do Servizo Galego de Saúde aos propios centros educativos. Deste xeito, favorécese tamén a conciliación das familias, que non precisan acudir noutro momento ao centro de saúde para inmunizar os seus fillos e fillas.
Na primeira edición desta iniciativa vacináronse 9.668 escolares de 55 centros educativos, o que supuxo unha cobertura próxima ao 51 %. Nesta segunda edición, a Xunta amplía o alcance do programa para seguir avanzando na protección da saúde infantil fronte á gripe.