A Xunta avanza na programación do Xacobeo 2027 no marco do Consejo Jacobeo

Este ente de coordinación interadministrativa abordou hoxe a planificación das actividades nas distintas comunidades durante o próximo Ano Santo, así como a incorporación de novos proxectos ao programa oficial 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na reunión da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo -órgano dependente do Goberno central, a través do Ministerio de Cultura, para a promoción do Camiño de Santiago-, na que se abordaron cuestións relacionadas coa preparación do Xacobeo 2027 e a coordinación das actuacións de promoción e posta en valor do Camiño de Santiago nas diferentes comunidades autónomas polas que pasan as rutas xacobeas.

Entre os principais asuntos tratados figurou o avance dos traballos para deseñar o programa de actividades do Xacobeo 2027 e desenvolver unha estratexia de comunicación conxunta para a súa difusión.

A reunión incluíu a proposta de incorporación de novos proxectos ao programa oficial de actividades do Ano Santo 2027, así como a posta en común doutras iniciativas relevantes relacionadas co Camiño de Santiago que están en marcha nas distintas comunidades autónomas.

A participación de Turismo de Galicia nesta reunión enmárcase no traballo de coordinación institucional para a preparación do Ano Santo 2027 e o impulso de actuacións conxuntas destinadas á promoción e difusión do Camiño de Santiago.

Comisión Executiva do Consejo Jacobeo

Este órgano de apoio promove a cooperación entre as distintas administracións públicas e as comunidades autónomas para garantir a conservación e dinamización cultural e turística do Camiño de Santiago. Está integrado por representantes da Administración Xeral do Estado e das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Navarra, Aragón, Cataluña e Castela e León.

Entre as súas principais funcións destacan o seguimento do estado de conservación das rutas xacobeas e o impulso de iniciativas dirixidas ás persoas peregrinas e ao conxunto da cidadanía, co obxectivo de consolidar unha estratexia común de promoción do Camiño e reforzar a súa proxección nacional e internacional. Neste contexto, o Consejo Jacobeo participa tamén na coordinación dos traballos preparatorios do Ano Santo 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2026