Turismo de Galicia apoia ao Iberik Gran Balneario de Guitiriz, que estrea novos servizos e se consolida como motor turístico no rural de Lugo

Xosé Merelles puxo en valor esta nova actuación, beneficiaria das axudas da Xunta para hoteis balneario e hoteis talaso, nun momento de “fortaleza do sector turístico galego” 

Guitiriz (Lugo), 15 de outubro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, participou esta tarde na inauguración da Casa Club do Iberik Gran Balneario de Guitiriz, un novo espazo destinado á celebración de eventos sociais, culturais e empresariais que amplía os servizos deste histórico complexo termal.

Xosé Merelles destacou que esta iniciativa, beneficiaria das axudas de Turismo de Galicia no ámbito termal, contribúe a “diversificar a oferta turística galega, captar novos perfís de visitantes e avanzar na desestacionalización”, permitindo que o Iberik Gran Balneario sirva como referente nacional e internacional no turismo de saúde e benestar, nun momento de “fortaleza do sector turístico galego”.

Esta nova instalación, salientou, "reforzará o potencial de Guitiriz como un destino turístico integral", sumando agora a posibilidade de acoller reunións corporativas e celebracións de todo tipo, impulsando o turismo MICE en consonancia cos obxectivos de promoción dun turismo de calidade e de desenvolvemento sostible no interior de Galicia.

Tamén puxo en valor o potencial do sector, lembrando que “Galicia é a primeira potencia termal de España”, con máis de 20 balnearios que representan arredor do 20% da oferta estatal, e o segundo destino europeo con maiores reservas de augas mineromedicinais. Así mesmo, subliñou que estes recursos constitúen “un activo patrimonial, natural e cultural diferencial para avanzar cara a un modelo turístico de calidade e sostible” que permita impulsar a actividade durante todo o ano, atraer novos visitantes e favorecer o desenvolvemento sostible dos territorios do interior.

Un novo espazo para a celebración de eventos

A Casa Club ocupa as antigas cocheiras do establecemento e conta con 1.600 metros cadrados acondicionados para acoller eventos sociais, culturais e empresariais, cunha capacidade de ata 150 persoas. Os espazos interiores e exteriores intégranse nunha contorna natural e complementan a oferta hoteleira, termal e deportiva do complexo.

O Iberik Gran Balneario de Guitiriz é un dos establecementos termais máis emblemáticos de Galicia e un referente deste sector, que contribúe de maneira significativa á economía turística galega.

Segundo a Enquisa de Turismo de Residentes 2025, o termalismo xerou arredor de 232.000 viaxes e 620.000 noites en Galicia, cun gasto total de 74,6 millóns de euros.

Data de actualización: 15/10/2026