O presidente autonómico asinou hoxe o convenio de patrocinio co presidente da entidade bancaria, Juan Carlos Escotet
Rueda salienta a alianza entre a Xunta e ABANCA para reforzar a proxección internacional e o impacto do Xacobeo 2027
Sinala que o acordo consolida a colaboración público-privada para facer do Ano Santo unha gran celebración que chegue a todo o territorio e beneficie ao conxunto da sociedade e agradece “que os que apostan sempre polo que é estratéxico para Galicia volvan facelo"
Subliña que "o Xacobeo ten que ser un dos motores do crecemento que está experimentando Galicia”
Apunta que a comunidade superará nos próximos días o récord de compostelas entregadas
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a sinatura do convenio de patrocinio con ABANCA de cara ao Xacobeo 2027, un acordo que cualificou como clave para reforzar a proxección internacional e o impacto do evento.
Durante o acto, no cal rubricou o acordo co presidente da entidade financeira, Juan Carlos Escotet, o titular do Goberno galego agradeceu “que os que apostan sempre polo que é estratéxico para Galicia volvan facelo", apuntando que o 2027 “vai ser o gran ano de Galicia, o ano que queremos proxectar cara ao mundo e polo tanto necesitamos que aqueles que a cotío se comprometen coa Xunta o fagan agora especialmente”.
Así, ABANCA achega 3 millóns de euros, reafirmando a importancia da colaboración público-privada para que este acontecemento estratéxico para Galicia chegue máis lonxe e deixe pegada en máis ámbitos da sociedade. Nesta liña, Rueda explicou que "queremos facer, e estamos camiño de facelo, o mellor Xacobeo da Historia” e para isto é precisa “a implicación de cantas máis entidades, máis empresas, máis empresas e máis institucións” posibles.
O titular da Xunta amosouse optimista ante a preparación da vindeira cita xacobea, avalada polos bos datos do sector turístico e a fortaleza das peregrinacións, apuntando que "o Xacobeo ten que ser un dos motores do crecemento que está experimentando Galicia e queremos aproveitar esta enorme oportunidade". Neste sentido, lembrou que a comunidade superará nos próximos días o récord de compostelas entregadas, sinalando que “todo apunta a que este ano se superará con creces” a cifra do ano pasado.
Unha programación que chega a todo o territorio
O obxectivo da Xunta, de cara ao vindeiro Ano Santo, é elaborar unha programación ampla e ambiciosa con iniciativas nos ámbitos da música, a cultura, o patrimonio, o deporte e a acción social –nos cales participará ABANCA– e que o seu impacto se estenda tanto nas grandes cidades como nas vilas e no mundo rural.
Neste contexto, o titular do Executivo galego puxo como exemplo da implicación da sociedade galega coa cita xacobea a traxectoria que está a ter o programa O Teu Xacobeo, que só na convocatoria deste ano desenvolve 55 proxectos que abranguen preto de 300 accións por toda a xeografía galega.
Así, o presidente apuntou que se busca “que todos os municipios sexan ou non territorios do Camiño se sintan partícipes deste gran proxecto global”, que abarca “desde acontecementos que teñen unha proxección practicamente mundial a aqueles que fixan todo o que significa esta gran oportunidade nos 313 concellos galegos”.
Aposta pola calidade e os valores do Camiño
O reto para o Xacobeo 2027 pasa por consolidar un modelo turístico sustentable e de excelencia, centrado en ofrecer unha experiencia de máxima calidade que favoreza a desestacionalización e unha maior duración das estancias.
Trátase duns obxectivos orientados a proxectar Galicia no exterior e atraer visitantes de todo o mundo, preservando ao mesmo tempo os valores de hospitalidade, autenticidade e respecto polo patrimonio e o territorio que caracterizan a experiencia do Camiño de Santiago.