Galicia participa en Helsinki no lanzamento do proxecto europeo AURORad para mellorar a calidade e a seguridade dos procedementos médicos con radiacións ionizantes

Financiada polo programa europeo EU4Health, a iniciativa reúne a 110 organizacións de 29 países europeos para impulsar boas prácticas en radioloxía, radioterapia e medicina nuclear

A iniciativa xestiónase a través dun consorcio cun orzamento de 14,37 M€ e conta coa representación da Consellería de Sanidade

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026

Galicia participou esta semana nunha reunión celebrada en Helsinki (Finlandia) con motivo do lanzamento do proxecto europeo AURORad, para a mellora da calidade e a seguridade dos procedementos médicos con radiacións ionizantes.

A Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e da Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria, forma parte do consorcio constituído por 110 organizacións de 29 países europeos, entre elas, autoridades sanitarias, organismos de protección radiolóxica, hospitais, universidades e entidades científicas.

Así, a iniciativa dispón dun orzamento total de 14,37 millóns de euros, dos cales aproximadamente 11,5 millóns están financiados pola Unión Europea a través do programa EU4Health.

Entre outubro de 2026 e setembro de 2031 desenvolverase o proxecto baixo a coordinación da autoridade finlandesa de seguridade radiolóxica e nuclear STUK.

A delegación galega na capital finlandesa estivo integrada polo director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero, e os profesionais especialistas neste ámbito de Galaria, Antonio López Medina, Benito Andrade Álvarez e Francisco Mosquera-Pena.

Participación conxunta

A participación da Consellería de Sanidade de Galicia reforza a colaboración internacional do sistema sanitario público da comunidade en materia de protección radiolóxica e calidade asistencial.

Neste senso, permitirá compartir experiencia e coñecementos con organizacións europeas e contribuír á elaboración e implantación de boas prácticas.

AURORad enmárcase no Plan de Acción SAMIRA da Comisión Europea e contribúe aos obxectivos do Plan Europeo de Loita contra o Cancro.

As súas liñas de traballo abranguen a xustificación de probas diagnósticas, as auditorías clínicas, a aprendizaxe de incidentes a xestión de doses e a calidade de imaxe. Tamén a protección en imaxe pediátrica e ao longo do embarazo, a radioterapia guiada por imaxe e a terapia radiofarmacéutica.

Funcións das entidades

O Servizo Galego de Saúde contribuirá en distintos paquetes de traballo relacionados coa auditoría clínica e xustificación de procedementos, sistemas de aprendizaxe de incidentes, xestión de doses e calidade de imaxe, radioterapia guiada por imaxe e formación.

Pola súa parte, ACIS achegará recursos e experiencia na xestión de proxectos de innovación, capacitación, xestión do coñecemento e transferencia de resultados aos profesionais sanitarios como co-líder do paquete de traballo de capacitación xunto coa Universidade de Magdeburgo de Alemaña.

Finalmente, Galaria liderará tarefas técnicas de aprendizaxe de incidentes e xestión de doses, aportando a súa experiencia e liderado técnico en seguridade radiolóxica e calidade de imaxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2026