Belén do Campo e Luis Verde supervisan o espazo previsto para a ampliación da unidade de resonancia magnética do Chuac

O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas remata o vindeiro 2 de novembro

A Coruña, 18 de outubro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, mantiveron unha reunión de traballo e percorreron a zona do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) na que está prevista a ampliación da unidade de resonancia magnética unha obra recentemente licitada.

Durante o encontro, ambos coñeceron o espazo no que se contempla integrar unha nova sala de resonancia magnética coa instalación actualmente existente, así como a distribución funcional prevista para esta área asistencial.

A actuación conta cunha licitación publicada no Portal de Contratos Públicos de Galicia por un importe de 1.4 millóns de euros. O proxecto recolle, ademais da nova sala de resonancia magnética e a súa área técnica, catro despachos de informes, unha zona de recuperación, unha área de control, tres cabinas e aseos diferenciados para o persoal sanitario e os pacientes.

A intervención está orientada a mellorar a organización dos espazos e os percorridos interiores, compatibilizando a nova unidade coa actividade habitual do hospital e coas condicións técnicas específicas deste tipo de instalacións.

Ambos lembraron que o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas remata o vindeiro 2 de novembro.

Adxudicación proxecto fase 0.2

A delegada lembrou que tamén se  adxudicou recentemente a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), por un importe de 321.395 euros. Esta fase inclúe un conxunto de actuacións que se desenvolverán sobre 2.475 m2  da 5ª planta do centro hospitalario coruñés.

En concreto, levarase a cabo a reforma e ampliación da unidade de diálise e a ampliación da unidade de reanimación. Este traballos abranguerán unha superficie de 1.256 m2.

Así mesmo, procederase co acondicionamento da ala norte da 5ª planta do hospital. Neste  caso, reformarase o antigo bloque cirúrxico para crear unha unidade de probas funcionais de pneumoloxía e rehabilitación cardio-respiratoria. Neste caso, a superficie que se reformará será de 848 metros cadrados.

O terceiro bloque de traballos da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) suporá a ampliación do ximnasio e das salas de terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares,  actuando sobre 371 m2.

 



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2026