A delegación da Xunta en Lugo recibe ata o 31 de outubro a mostra ‘Arte para levar’, enmarcada no programa O Teu Xacobeo
Lugo, 17 de outubro de 2026
A explanada da Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle desde hoxe e ata o 31 de outubro o proxecto Arte para levar. Cultura en movemento, impulsado polo Espacio Lupa Arte e apoiado polo Goberno galego ao abeiro do programa O Teu Xacobeo.
Un camión clásico convertido en galería itinerante presenta a exposición “TRADI. Mostra de arte no Camiño”, da artista barallesa Esther López, que pecha o percorrido na cidade logo de visitar tamén Abadín, Vilalba, Baamonde e Portomarín. Reúne unha trintena de fotografías sobre o patrimonio cultural inmaterial galego.
O programa O Teu Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia, favorece este ano a realización de case 300 eventos por todo o territorio para difundir os valores do Camiño de Santiago a través de iniciativas culturais, sociais, deportivas e patrimoniais. O programa pon o foco na inclusividade, chegando a públicos vulnerables, persoas maiores e novas, e no fomento da igualdade e da accesibilidade.