A Xunta impulsa a Batalla de Rande como reclamo turístico e exemplo de dinamización do patrimonio histórico e cultural

Xosé Merelles destaca a importancia da Conmemoración da Batalla de Rande para poñer en valor a cultura naval e industrial da ría de Vigo

A XIII edición da celebración inclúe recreacións históricas, desfiles, mercados de época e visitas guiadas en barco pola enseada de San Simón

Redondela (Pontevedra), 17 de outubro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na XIII Conmemoración da Batalla de Rande, unha celebración que pon en valor a historia e o patrimonio marítimo da ría de Vigo a través de actividades de recreación histórica, divulgación cultural e participación veciñal.

Xosé Merelles salientou que “este tipo de iniciativas contribúen a diversificar a oferta turística galega e a dinamizar os destinos máis alá dos meses de verán”. Neste sentido, destacou a importancia de apoiar celebracións como a Conmemoración da Batalla de Rande, que “recupera a memoria histórica e converte o patrimonio cultural nun recurso de interese para visitantes e residentes”.

O director de Turismo de Galicia subliñou tamén o valor desta festa para dar a coñecer recursos como o Museo Meirande e o Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande. Estes espazos permiten afondar na historia naval e industrial da ría e contribúen a reforzar o posicionamento de Galicia como destino vinculado ao patrimonio histórico e mariñeiro.

O apoio a eventos culturais e históricos en outubro enmárcase no obxectivo de avanzar na desestacionalización turística e favorecer unha distribución máis equilibrada dos visitantes polo territorio.

En 2026, a provincia de Pontevedra rexistrou máis de 1,22 millóns de viaxeiros, que fixeron preto de 2,6 millóns de noites. Estas cifras reflicten a importancia de impulsar propostas que amplíen as motivacións de viaxe, poñan en valor os recursos propios de cada territorio e contribúan a fortalecer a actividade turística durante todo o ano.

Historia da ría de Vigo

A Batalla de Rande tivo lugar o 23 de outubro de 1702, durante a Guerra de Sucesión Española, cando a frota hispano-francesa se enfrontou a unha escuadra anglo-holandesa na enseada de San Simón. O afundimento de numerosos barcos e a historia dos cargamentos procedentes de América alimentaron a coñecida lenda dos tesouros agochados na ría de Vigo.

A celebración, impulsada pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande, desenvolve a súa décimo terceira edición os días 10, 17 e 18 de outubro, cun programa que inclúe representacións teatrais, desfiles históricos, embarcacións tradicionais, mercados de época e obradoiros de antigos oficios. Entre as actividades destacadas figura o espectáculo pirotécnico Arde o mar, previsto para esta tarde, así como as visitas guiadas en barco pola enseada de San Simón durante a fin de semana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/10/2026