O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade

A través destas achegas, os beneficiarios poden financiar os custos fixos ocasionados pola inscrición e a cota anual de participación no réxime de calidade

En total, son 953 os beneficiarios, por un importe conxunto que supera os 200.000 €

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade á concesión das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade. Así, un total de 953 explotacións veranse beneficiadas cunha achega total de algo máis de 200.000 euros.

A maior parte delas, un total de 364, corresponden á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega. Do resto, 339 refírense á IXP Vaca Galega/Boi Galego; 224 corresponden ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e 26 a outros indicativos de calidade diferenciada (IXP Mel de Galicia. Denominación de Orixe Ribeiro e Denominación de Orixe Monterrei).

Esta liña de axudas ten por obxectivo incentivar a participación dos titulares de explotacións agrarias en réximes de calidade, isto é, en denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ou en produción ecolóxica.

Así, a través desta liña de apoio, os beneficiarios poden financiar os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación, imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2025 ata o 30 de abril de 2026. A contía da axuda é do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Para cobrar as axudas, as persoas beneficiarias terán ata o 20 de novembro -inclusive-para presentar a documentación xustificativa dos gastos efectuados e a solicitude de pagamento correspondente a través da sede electrónica da Xunta.

Ligazón á resolución:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261019/AnuncioG0528-091026-0001_gl.html

Data de actualización: 19/10/2026