Medio Rural impulsa en Chantada a elaboración artesanal de pan e empanadas como ferramenta de diferenciación e creación de valor
A xornada forma parte do ciclo de Aulas Abertas de Artesanía Alimentaria, promovido por AGACAL para divulgar as oportunidades que ofrece este distintivo ás pequenas producións agroalimentarias
A Xunta destaca a importancia de preservar o saber facer tradicional, promover o uso de materias primas galegas e reforzar a competitividade das panadarías artesanais
Chantada (Lugo), 21 de outubro de 2026
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, continúa impulsando o ciclo de Aulas Abertas de Artesanía Alimentaria. Neste contexto, o director da Axencia, Martín Alemparte, participou hoxe en Chantada na xornada a! Pan e empanadas artesanais, centrada na importancia de preservar as elaboracións tradicionais e favorecer o recoñecemento da calidade, a singularidade e o saber facer das pequenas panadarías e produtores artesáns.
Durante o encontro, Alemparte destacou que a artesanía alimentaria representa unha oportunidade para que estas pequenas empresas poidan diferenciar os seus produtos, incrementar o seu valor engadido e mellorar o seu posicionamento no mercado, competindo pola calidade e pola autenticidade fronte ás producións industriais estandarizadas.
Neste sentido, salientou tamén a importancia de potenciar o uso de materias primas galegas, especialmente os cereais, contribuíndo así a xerar oportunidades para os agricultores, recuperar terras de cultivo e fortalecer a vinculación entre a produción agraria e a industria alimentaria.
Artesanía alimentaria e calidade diferenciada
A xornada permitiu dar a coñecer as características e oportunidades do distintivo de Artesanía Alimentaria de Galicia, que recoñece elaboracións realizadas conforme a requisitos técnicos específicos e métodos artesanais. Neste ámbito, cómpre destacar tamén a IXP Pan Galego, que protexe o pan elaborado conforme a un prego de condicións que garante a súa autenticidade e características diferenciais, incluíndo a utilización dun mínimo do 25 % de fariña procedente de variedades e ecotipos de trigo autóctono cultivados en Galicia.
O programa incluíu o relatorio O pan e as empanadas galegas, retos alimentarios e valores diferenciais, impartido pola Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), así como a presentación das experiencias profesionais de Pan do Manuel, de Outeiro de Rei, e La Empanada Viajera, da Coruña.
Continuidade do ciclo de Aulas Abertas
Esta foi a terceira xornada do ciclo celebrado durante outubro, tras as sesións dedicadas aos vermús, licores, augardentes e bebidas espirituosas, en Sober, e ás comidas preparadas, en Betanzos. A programación continuará o día 27 no Porriño, cun novo encontro sobre pan e empanadas artesanais, e o 28 en Ponteareas, dedicado ás conservas vexetais, zumes e marmeladas.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola Artesanía Alimentaria como instrumento para apoiar as pequenas empresas, preservar o patrimonio gastronómico e xerar valor engadido e actividade económica no rural galego.