A Xunta impulsa a aplicación da intelixencia artificial ao comercio cunha xornada en Expourense enmarcada no proxecto transfronteirizo Digital_Expo
A sesión abordará a través de casos prácticos e de exemplos reais as oportunidades que ofrece a IA para a automatización de tarefas, a optimización da xestión e a mellora dos procesos de venda nos establecementos comerciais
A iniciativa Digital_Expo, na que tamén participan Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez, ten como obxectivo avanzar na dixitalización dos recintos feirais e centros expositivos
Ademais, Expourense acollerá ese mesmo día pola tarde a Gala dos Premios do Comercio Galego 2026, na que se darán a coñecer os proxectos gañadores das cinco categorías entre as 15 candidaturas finalistas
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia impulsa o vindeiro 27 de outubro en Expourense a xornada Intelixencia artificial orientada ao comercio e aos centros comerciais, unha iniciativa enmarcada no proxecto transfronteirizo Digital_Expo, que ten como obxectivo impulsar a modernización e a transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos de Galicia e do norte de Portugal.
A sesión abordará a través de casos prácticos e de experiencias reais as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial para mellorar a competitividade do sector comercial, con especial atención á automatización de tarefas, á optimización dos procesos de xestión e á mellora das vendas.
A programación incluirá tres intervencións centradas nas aplicacións prácticas da intelixencia artificial no ámbito comercial. Raúl García Serapio, de Neuromobile, abordará o uso dos datos e da IA na xestión de recintos comerciais e as súas posibilidades para o pequeno comercio. Pola súa banda, Jesús Fernández e Francisco Míguez, de Hambrosía, explicarán como automatizar tarefas de xestión nos pequenos establecementos, mentres que José Alcañiz, de Esterea Comunicación Digital, afondará nas posibilidades destas ferramentas para mellorar os procesos de venda.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición nesta ligazón, cun límite de 50 prazas.
Digital_Expo é un proxecto de cooperación transfronteiriza liderado pola Xunta, no que tamén participan Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez. Cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027, desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027 e conta cun orzamento de máis de 1 M€.
Entre as súas principais actuacións figura a creación dun espazo demostrativo de innovación para facilitar o intercambio de coñecementos e recursos así como o desenvolvemento de proxectos piloto baseados en tecnoloxías emerxentes, como a intelixencia artificial e a realidade virtual e aumentada.
Estas iniciativas permitirán explorar novas solucións para a xestión dos recintos feirais, a organización dos espazos expositivos e a mellora da experiencia das persoas visitantes. O proxecto inclúe, ademais, accións de formación, transferencia de coñecemento e promoción dixital dirixidas ao tecido empresarial co fin de reforzar a visibilidade dos recintos e favorecer a captación de novos usuarios.
Gala de comercio
A xornada, que se celebrará de mañá, coincidirá coa celebración, pola tarde e tamén en Expourense, da gala dos Premios do Comercio Galego 2026. No evento daranse a coñecer os proxectos gañadores de entre os 15 finalistas das cinco categorías previstas: Premio Comercio Galego, dotado con 5.000 euros; Premio Comercio Dinamización, tamén cunha contía de 5.000 euros; Premio Comercio Traxectoria, ao que lle corresponden 3.000 euros; Premio Comercio Emprende, distinguido con outros 3.000 euros; e Premio Comercio Sostible, con 3.000 euros máis.