Rematan coa entrega de premios de Lugo as campañas de dinamización do consumo local celebradas en toda Galicia no marco da acción `Merca no teu comercio"
Lugo, 21 de outubro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na entrega de premios da campaña Merca no teu comercio desenvolvida nos barrios da cidade de Lugo. Trátase da última entrega realizada no marco desta colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio, que se materializou en accións quincenais de promoción do consumo local en distintas localidades.
En concreto, a iniciativa percorreu municipios sen centros comerciais abertos e chegou a máis de medio cento de asociacións de comerciantes. Neste caso de Lugo, a campaña estivo activa ata o 15 de outubro e hoxe entregáronse, —como no resto de concellos involucrados— 20 tarxetas regalo por valor de 50 euros entre a clientela participante.