A conselleira de Política Social e Igualdade asistiu á inauguración do novo centro

A Xunta destaca o impulso de Aspanane grazas á nova residencia para persoas con discapacidade construída pola Fundación Amancio Ortega

O Goberno galego pon en valor que o centro, que suma medio cento de novas prazas residenciais, permitirá ofrecer unha atención integral aos seus usuarios

Xove (Lugo), 20 de outubro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, entre outras autoridades, participaron esta mañá no acto de entrega da nova residencia de Aspanane en Xove. O centro financiado pola Fundación Amancio Ortega é unha mostra do compromiso da entidade co benestar e a calidade de vida das persoas con discapacidade.

Fabiola García puxo en valor o impulso que vai supoñer para Aspanane conte cun novo centro destas características, que lle permitirá ofrecer atención integral a medio cento de persoas da contorna. Unha residencia que ademais, dixo, vai funcionar cun sistema de unidades de convivencia para que sexa “un auténtico fogar para os usuarios”.

A conselleira agradeceu o labor que desenvolve a entidade na Mariña Lucense e que destacou como un piar fundamental para moitas familias. Do mesmo xeito, resaltou o papel da Fundación Amancio Ortega co benestar dos galegos e que se traduce en máis e mellores recursos. Así, fixo mención ás sete residencias construídas pola organización e cedidas ó goberno galego para o uso dos galegos.

Data de actualización: 20/10/2026