O presidente da Xunta participou nos actos do 140 aniversario da Cámara de Comercio da Coruña
Rueda aposta por traballar da man do tecido empresarial para impulsar o progreso de Galicia
Felicita á corporación La Voz de Galicia por recibir o premio Empresa Excelente e seguir sendo parte da historia e da memoria da comunidade
A Coruña, 20 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por traballar da man do tecido empresarial e produtivo para impulsar o progreso de Galicia e maiores cotas de benestar entre a poboación.
Así o sinalou esta tarde durante a súa participación nos actos do 140 aniversario da Cámara de Comercio da Coruña, no que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. No acto tamén se fixo entrega do premio Empresa Excelente á corporación La Voz de Galicia, a quen Rueda felicitou por seguir sendo parte da historia e da memoria da comunidade.
Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico defendeu a importancia de dispoñer de contas públicas para poder administrar os recursos e tomar decisións. Neste contexto, puxo en valor que os orzamentos da Xunta para o próximo ano fixan como prioridade apoiar ás familias, pero tamén ás empresas.
Por último, felicitou á Cámara de Comercio por todo o traballo que fai a favor do tecido empresarial, a través das formacións, asesoramento ou orientacións.