O Xacobeo reforza a súa aposta polo deporte co V Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica e avanza un Ano Santo 2027 con grandes citas deportivas

A competición reunirá en Santiago máis de 900 ximnastas de 69 clubs e seis nacionalidades

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou hoxe na presentación do V Torneo Internacional Xacobeo de Ximnasia Rítmica, que se celebrará os días 24 e 25 de outubro en Santiago de Compostela e contará coa participación de máis de 900 ximnastas procedentes de 69 clubs e seis nacionalidades.

Na súa intervención, o comisario do Xacobeo 2027 salientou o compromiso do Xacobeo co impulso de eventos deportivos que contribúan á promoción de Galicia e á dinamización do territorio, ao tempo que achegan á cidadanía propostas de calidade.

Neste sentido, avanzou que “o deporte terá un papel protagonista na programación especial que estamos a preparar para o Ano Santo, con citas nacionais e internacionais de primeiro nivel”.

Con este apoio, o Xacobeo reafirma a súa aposta polo deporte como ferramenta para a promoción turística e a dinamización territorial, así como para a difusión dos valores de esforzo, convivencia e solidariedade, no camiño cara ao próximo Ano Santo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026