A Xunta aposta pola xestión compartida de servizos municipais entre concellos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes avaliou no Parlamento as melloras rexistradas en Cerdedo Cotobade unha década despois da fusión
O Goberno galego seguirá apoiando as iniciativas de cooperación que xurdan dos propios concellos, nas que tamén afonda coa nova Lei de Administración Local
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, insistiu hoxe no Parlamento na aposta da Xunta pola xestión compartida de servizos entre concellos e as fusións voluntarias, en resposta a unha pregunta para avaliar os 10 anos de existencia de Cerdedo Cotobade como municipio fusionado. Segundo sinalou, unha década despois, o novo municipio conta con máis recursos, sen débeda, con impostos máis baixos e con máis capacidade para investir e prestar servizos. Trátase de resultados “avalados polos datos e polo estudo A planta local galega: impulso aos procesos de fusión municipal, elaborado coa colaboración da Fundación Juana de Vega e das tres universidades galegas”, apuntou.
Para o conselleiro, o balance da fusión de Cerdedo Cotobade é positivo. Así, salientou que o municipio recibiu 12,3 millóns de euros procedentes das distintas liñas de colaboración da Dirección Xeral de Administración Local, dos que 10,6 millóns corresponden ao Fondo de Fusións. Ademais, subliñou que o concello mantén débeda cero desde o ano 2019, o que evidencia unha xestión económica eficiente. En materia fiscal, tamén puxo en valor a redución de diferentes impostos e taxas municipais, entre outros indicadores positivos que reflicte o informe universitario sobre os efectos da integración municipal.
Diego Calvo lembrou que Galicia foi pioneira en España nos procesos de fusión voluntaria, con Oza Cesuras en 2013 e Cerdedo Cotobade 2016, unha ferramenta voluntaria enmarcada na defensa da cooperación entre concellos. Nesta liña, incidiu en que o Goberno galego seguirá apoiando as iniciativas que xurdan dos propios concellos.
Así, sinalou que a nova Lei de Administración Local de Galicia, actualmente en tramitación parlamentaria, afonda nesta idea porque actualiza o marco regulador do municipalismo galego e reforza as posibilidades de cooperación entre concellos. Entre as fórmulas previstas na norma referiuse ás áreas funcionais de carácter temporal, ás agrupacións de persoal para facilitar que varios concellos poidan compartir profesionais especializados ou as fusións voluntarias.