A Xunta aposta polo diálogo coas empresas de transporte para a consecución dunha mobilidade sostible e competitiva
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, clausura en Sanxenxo o 49º congreso de Feneval, a Federación Nacional Empresarial de Aluguer de Vehículos con ou sen Condutor
Sanxenxo (Pontevedra), 21 de outubro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, clausurou hoxe en Sanxenxo o 49º Congreso de Feneval, a Federación Nacional Empresarial de Aluguer de Vehículos con e sen Condutor, no que sinalou a importancia de contar en Galicia con empresas do transporte que contribúan a unha mobilidade sostible e competitiva. Destacou tamén a importancia do diálogo entre as administracións e o sector para a consecución deste obxectivo, así como o labor de Feneval e especialmente da súa asociación galega Galeval como interlocutora coa Xunta, xa que forma parte do Comité Galego de Transportes.
Judit Fontela apuntou que o aluguer de vehículos ofrece alternativas complementarias ao transporte público colectivo e facilita os desprazamentos profesionais, persoais e turísticos. Nunha comunidade como Galicia, marcada pola dispersión territorial e por unha oferta turística distribuída por todo o territorio, estes servizos contribúen á conexión entre destinos e á actividade económica.
Tamén salientou a súa función nos desprazamentos vinculados ao Camiño de Santiago e sinalou que a dixitalización, a transición cara a vehículos máis sostibles e os novos hábitos de mobilidade esixen adaptación por parte das empresas e colaboración das administracións.