A Xunta felicita o alumnado que completou o programa integrado de emprego da APEHL, orientado a formar profesionais para o sector
Un centenar de persoas desempregadas tivo acceso durante un ano a cursos sobre especialidades propias da hostalería, ademais doutros contidos transversais para facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo
Lugo, 21 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, felicitou o alumnado participante no Programa Integrado de Emprego da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), orientado a formar a 100 persoas desempregadas para incorporalas ao sector.
Villares interveu na clausura xunto co presidente da entidade, Cheché Real, entre outras persoas. A actividade desenvolveuse durante o último ano en Lugo e Monforte de Lemos.
O delegado salientou a importancia de contar con profesionais cualificados para fortalecer o sector hostaleiro e, nese sentido, explicou que este tipo de accións están deseñadas para formar traballadores que se axusten ás necesidades do tecido produtivo.
Neste caso ofertáronse diferentes cursos e talleres centrados en especialidades propias da hostalería – identificación de alérxenos, manipulación de alimentos, auxiliar de cociña, axudante de camareiro, cociña sa, protocolo, concienciación sobre a reciclaxe ...- .
Ademais, o alumnado tivo acceso a outros contidos de interese para calquera actividade laboral, como competencias dixitais, atención ao cliente ou técnicas de busca de emprego; así como orientación e asesoramento personalizado axustado ao perfil de cada persoa.
A iniciativa estivo dirixida preferentemente ao colectivo de persoas desempregadas migrantes, e tamén tiveron prioridade os menores de 30 anos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, entre outros.