O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional das listas de selección temporal das clases de persoal sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria

Houbo un total de 3.011 inscricións e foron admitidos 2.954 aspirantes

O 6,84 % foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso

Só resultan excluídas o 1,89 % das solicitudes de participación

O prazo de reclamación é de 10 días hábiles, ata o 5 de novembro

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG)​ publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional de aspirantes admitidos e excluídos e a baremación coas puntuacións obtidas no proceso de actualización de listas de selección temporal de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

A través destas listas o Servizo Galego de Saúde selecciona persoal funcionario de diversos corpos de inspección: inspector médico, inspector farmacéutico, farmacéutico inspector de saúde pública, subinspector sanitario; e outros funcionarios das clases de licenciado sanitario e ATS/DUE.

O total de aspirantes admitidos por clases foi de 136 na categoría de inspector médico, 522 na de inspector farmacéutico, 518 na de farmacéutico inspector de saúde pública, 1.048 en lista xeral de licenciado sanitario, 282 na de subinspector sanitario e 448 na de ATS/DUE.

O 6,84 % foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso e só resultaron excluídas o 1,89 % das solicitudes de participación.

O incremento de aspirantes é de 26 persoas na categoría de inspector médico, 28 na de inspector farmacéutico, 34 en farmacéutico inspector de saúde pública, 76 en lista xeral de licenciado sanitario, 14 en subinspector sanitario e 28 en clase de ATS/DUE.

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Listaxes de contratación de persoal funcionario sanitario (Lei 17/1989, do 23 de outubro). Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polos aspirantes no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

O prazo de reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade é de 10 días hábiles, é dicir, ata o 5 de novembro.

Data de actualización: 22/10/2026