A Xunta conxela as taxas e sube en máis de 22 M€ a subvención reguladora de prezos públicos para non trasladar aos galegos o aumento do custo dos servizos

As medidas tributarias aprobadas polo Goberno galego puxeron este ano máis de 500 vivendas no mercado de aluguer

O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento

Afirmou que os orzamentos de 2027 están deseñados para dar seguridade a familias e empresas e que achegan a solvencia financeira precisa para facer fronte a alza de prezos e dos tipos de xuro

Miguel Corgos destacou o aumento da capacidade de gasto das contas deste ano, que se produce con recursos propios, sen ter que recorrer ao endebedamento e con novas medidas de alivio fiscal

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026

O Goberno galego conxelará as taxas e subirá en máis de 22 millóns de euros a subvención reguladora de prezos públicos para non trasladar aos galegos o aumento do custo dos servizos. Así o destacou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na súa comparecencia hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma e as contas do seu departamento para o vindeiro ano.

Logo de precisar que a conxelación das taxas e prezos públicos suporá un aforro en conxunto para todo o ano de 1,1 millóns de euros, Miguel Corgos incidiu en que, para a elaboración dos orzamentos, a estratexia do Goberno galego é combinar a responsabilidade financeira e as actuacións dirixidas a mellorar a situación dos fogares, así como a reforzar o potencial de crecemento de Galicia. E iso “nun escenario de crecemento moderado, con inflación elevada e unha economía galega resistente.”

Nesta mesma liña, subliñou que as medidas tributarias aprobadas polo Goberno galego, como a dedución de 500€ por arrendamento de vivendas baleiras e a rebaixa do 15% dos gastos de reparación e conservación para adecuación dos inmobles para destinalos ao alugueiro, puxeron este ano máis de 500 vivendas no mercado de aluguer.

En sede parlamentaria, lembrou as rebaixas fiscais xa consolidadas e as novidades para os orzamentos do vindeiro ano, salientando que no IRPF Galicia está entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para rendas medias e baixas. Miguel Corgos puxo como exemplo que, de media, un contribuínte galego pagou no IRPF do ano pasado 565 euros menos que en 2009.

Parte dos novos alivios fiscais deseñados para as contas do vindeiro ano teñen como obxectivo “abaratar os impostos da vivenda e que este aforro se traslade ao comprador final.” Para iso, explicou o conselleiro de Facenda, “rebaixamos 0,3 puntos a cota do Imposto de Actos Xurídicos Documentados para todos os trámites previos á entrega da vivenda”, unha medida que non se pode aplicar á compravenda de segundas e posteriores vivendas.

Para facilitar o relevo nas empresas familiares, apróbase unha nova rebaixa no Imposto de Sucesións, para que, explicou Corgos, “a fiscalidade non supoña un atranco para levalo a cabo”. Deste xeito, amplíase a redución do 99 % deste imposto ata parentes de terceiro grado de afinidade e traballadores con 10 anos de antigüidade na empresa ou 5 desempeñando tarefas directivas.

Estas novas rebaixas selectivas súmanse ás “moitas xa en vigor que consolidamos e que entre os anos 2020 e 2025 permitiron aforrar aos galegos e ás galegas case 2.100 M€”. Engadiu Miguel Corgos que, máis alá das rebaixas, os galegos desfrutan doutros beneficios fiscais, que para o vindeiro ano sumarán 812M€, case o 90 % de carácter social.

O responsable da Facenda galega subliñou que os orzamentos de 2027 están deseñados para dar seguridade a familias e empresas, e que achegan a solvencia financeira precisa para facer fronte a alza de prezos e dos tipos de xuro.

Os grandes obxectivos para o 2027 son protexer a renda dispoñible fronte a inflación, converter a solvencia financeira da Comunidade en máis servizos e máis investimento, aproveitar os recursos dispoñibles con plena execución e visión de futuro, ampliar a oferta de vivenda a prezos accesibles, manter o equilibrio e continuar reducindo a ratio débeda/PIB e aproveitar o pulo económico que suporá para Galicia a celebración do Xacobeo 2027.

Para isto, a Xunta acaba de elaborar un orzamento que ascende a 15.158 M€, un 6,4 % máis de capacidade de gasto que este exercicio. Corgos precisou que “mentres que en anos anteriores estes incrementos se deberon en grande medida a recursos extraordinarios”, primeiro pola pandemia e logo por fondos de recuperación, no orzamento 2027 “o aumento da capacidade de gasto se produce con recursos ordinarios na súa práctica totalidade e sen ter que recorrer ao endebedamento.”

Plan Estratéxico de Galicia 2030

O responsable da facenda galega anunciou que nas próximas semanas vai informar dos resultados da avaliación intermedia do Plan Estratéxico de Galicia 2030, con datos a peche do ano 2025. Trátase, explicou, de reforzar ou reorientar cada un dos indicadores “para encarar os retos da segunda metade da década”.

As contas de Facenda

Miguel Corgos quixo tamén entrar en detalle das contas do seu departamento, e destacou que, en materia de persoal, se vai seguir afondando na modernización da Función Pública e mellorando as condicións e a formación do persoal empregado público “para prestar un cada vez mellor servizo á cidadanía”. Un dos grandes retos é o reforzo e renovación das plantillas. Por iso, no que vai de lexislatura, xa se convocaron máis de 3.380 prazas “e para 2027 superaremos as 4.000 que prometemos para toda a lexislatura”, anunciou.

No que se refire á política financeira, refórzase a aposta por unha “prudente xestión da débeda pública”, polo que, durante 2027, ademais de non aumentar o endebedamento neto, “continuaremos traballando para obter as mellores condicións financeiras”. Ademais, no eido da Intervención Xeral, a contabilidade do ano 2027 xa se elaborará seguindo os criterios de novo Plan de Contabilidade Pública, dando cumprimento ás recomendacións do Consello de Contas.

En materia de Fondos Europeos, o conselleiro de Facenda debullou os obxectivos principais do seu departamento, que pasan por rematar a preparación do novo período de programación europea 2028-2034 e defender os intereses de Galicia no futuro marco financeiro da Unión Europea. Tamén se vai impulsar a execución e garantir o máximo aproveitamento dos fondos asignados a Galicia do Marco Financeiro Plurianual 21-27. E, completou Corgos, “seguiremos achegando os fondos europeos á cidadanía” con accións de información, comunicación, divulgación e sensibilización.

No eido da Simplificación Administrativa, continuarase a reducir cargas, eliminar trámites innecesarios e facer máis áxil e sinxela a relación da cidadanía e das empresas coa Administración. Seguirase executando a Estratexia Galega de Contratación Pública e porase en marcha o primeiro Plan de Formación Específica en Materia de Contratación Pública para os empregados públicos.

En materia de Patrimonio, o obxectivo é continuar reducindo o importe que se paga en concepto de arrendamentos por parte da Xunta, “rebaixando un 10 % adicional este custe, en máis de 300.000 euros”, para o que será crucial a posta en funcionamento do Novo Edificio Administrativo de San Caetano.

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), vai seguir facilitando a atención á cidadanía, apostando pola asistencia dixitalizada, e continuando cos servizos de confección de autoliquidacións coa posibilidade de pagar directamente nas delegacións mediante TPV.

No que se refire á formación das persoas empregadas públicas, o conselleiro de Facenda anunciou que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) vai aumentar a oferta formativa para mellorar a profesionalización, actualización e cualificación do persoal empregado público, que disporá das ferramentas necesarias para prestar con máis eficacia os servizos públicos.

Canto a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Miguel Corgos explicou que se vai implantar “un modelo corporativo de goberno da Intelixencia Artificial” e ampliar a Rede de aulas CeMIT, para adaptarse ás novas demandas de capacitación dixital.

O selo ‘Galicia Calidade TIC’, será un distintivo oficial da comunidade para recoñecer ás empresas e entidades que destaquen “pola implantación de modelos de xestión excelentes, innovadores, sustentables e socialmente responsables” e afondarase nun aspecto esencial para a vida da cidadanía, “pois melloraremos a resiliencia da rede”, asegurando que os servizos críticos permanezan sempre dispoñibles.

O conselleiro da Facenda afirmou que se van dedicar máis de 14 M€ á ciberseguridade e que se iniciará a dotación de equipamento para o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en Ourense. “O obxectivo”, explicou, “é fortalecer a ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo; e impulsar o desenvolvemento de talento especializado nesta materia”.

Miguel Corgos concluíu facendo fincapé en que “para 2027 os galegos contarán con 15.158 M€, un 6,4% máis que este ano: co maior gasto social da historia; cunha aposta continuada para ampliar a oferta de vivenda a prezos accesibles e cumprir os obxectivos da lexislatura; con catro novas rebaixas selectivas de impostos; sen novo endebedamento por cuarto ano consecutivo, e coa oportunidade da celebración do Xacobeo 2027 como panca de crecemento, de xeración de riqueza e para mellorar o posicionamento de Galicia no mundo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2026