O director xeral de Cultura participou no ‘II Encuentro de Museos Estatales: Museos abiertos, patrimonio seguro. Proteger para compartir’
Anxo M. Lorenzo pon en valor “a colaboración entre museos para protexer o noso patrimonio e historia”
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remarca a importancia de “traballar de xeito conxunto para facer fronte aos novos riscos e avaliar as necesidades actuais”
A Xunta ten xa en marcha unha folla de ruta para garantir a seguridade nos centros museísticos, despois dos últimos roubos acontecidos en equipamentos nacionais e internacionais
Almería, 22 de outubro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor a “necesaria colaboración entre museos para traballar de maneira coordinada na protección do patrimonio e historia de todos”. Fíxoo no II Encuentro de Museos Estatales: Museos abiertos, patrimonio seguro. Proteger para compartir celebrado en Almería, onde representantes de toda España abordaron a actual problemática de roubos nos centros museísticos.
Alí, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, remarcou a “importancia dun traballo conxunto” por parte dos responsables dos equipamentos culturais ante a importancia de facer fronte aos novos riscos e avaliar as necesidades actuais despois dos últimos roubos acontecidos en infraestruturas nacionais e internacionais. Así, o director xeral de Cultura remarcou que “non se trata de xerar alarma, senón de adiantarnos para coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas no relativo ao amparo dos bens”.
Neste senso, Lorenzo remarcou a folla de ruta propia que o Goberno galego acaba de poñer en marcha para garantir a seguridade no Sistema Galego de Centros Museísticos. A proposta de recomendacións, entregada aos responsables de xestión, está baseada nun principio en cinco grandes liñas de acción que poderían ampliarse e entre as que se atopan a necesidade de implantar unha avaliación de risco centrada en cada peza, converter a seguridade nun procedemento diario do persoal e a importancia de preparar as coleccións para facilitar a identificación e recuperación.
Esta liña de traballo inclúe tamén a creación dunha rede de alerta e resposta museística, a procura de reducir o beneficio criminal e a adaptación da exposición ao nivel da ameaza. Para iso, sempre que sexa compatible coa conservación, proponse o emprego de identificadores discretos, etiquetas de radiofrecuencia ou marcadores forenses que permitan detectar a retirada ou acreditar a identidade da peza. Isto compleméntase coa convocatoria de distintas xuntanzas e o establecemento dunha canle estable de información.