A nova campaña arqueolóxica no castro de Castromaior, en Portomarín, remata mañá cunha visita guiada aberta ao público

O equipo encargado da actuación dará a coñecer a partir das 16,30 horas os achados e os traballos de restauración realizados nas últimas semanas, financiados pola Xunta con 30.000 euros

Lugo, 22 de outubro de 2026

A nova campaña arqueolóxica no castro de Castromaior, en Portomarín, culmina mañá - veres 23 de outubro - cunha visita guiada para dar a coñecer os principais resultados dos traballos de escavación e consolidación que se levaron a cabo nas últimas semanas.

Será unha xornada aberta ao público que comezará ás 16,30 horas. O equipo arqueolóxico que traballou no xacemento dende o 9 de setembro explicará os novos achados e os traballos de restauración realizados durante esta intervención, financiada pola Xunta con 30.000 euros a través dun convenio co Concello de Portomarín.

O xacemento castrexo de Castromaior sitúase preto do lugar do mesmo nome, na parroquia de Santa María de Castromaior. Trátase dun poboado fortificado da Idade do Ferro, no que destaca a súa gran extensión, de máis de catro hectáreas, así como a súa gran complexidade estrutural, con presenza de ata seis recintos delimitados por murallas e fosos, unha croa e varios antecastros, ademais de amplos socalcos exteriores asociados, que dotan a todo o conxunto dunha gran monumentalidade.

Resultados da campaña                                                                

A campaña deste ano centrouse na escavación e restauración de varias zonas onde aparecen restos da ocupación máis recente do poboado e que reflicten a pervivencia do castro nos primeiros momentos da ocupación romana.

Para comprender estes cambios escavouse na parte oeste, onde se documenta unha vivenda construída sobre a zona de paso da rolda interior, ocupando incluso parcialmente a muralla.

Na entrada ao recinto central, onde comeza a rolda interior cara ao lado este, interveuse nos espazos anexos á estrutura tardía que se constrúe fronte á porta de acceso, elemento excepcional no mundo castrexo, que só se coñece de forma parcial. Os datos do urbanismo na época final do asentamento achegan información acerca das transformacións do poboado ao redor do cambio de era e de como os cambios sociais e económicos que se producen coa chegada de Roma van influír tamén na forma de ocupar os espazos e o territorio nas comunidades castrexas.

Logo da escavación arqueolóxica realizáronse os traballos de restauración e conservación sobre os restos localizados para a súa conservación e exhibición ao público. Trátase dun asentamento moi concorrido por visitantes, especialmente polo seu emprazamento nas inmediacións do Camiño Francés.

Actuacións anteriores

O xacemento foi escavado parcialmente entre os anos 2006 e 2009, deixando á vista unha serie de estruturas habitacionais na croa do castro e parte da súa muralla, nunha superficie aproximada de 700 m2.

Entre os anos 2020 e 2021 levouse a cabo a consolidación, baixo control arqueolóxico, da área escavada coa finalidade de favorecer a súa estabilización e conservación. Posteriormente, nos anos 2023 e 2024 emprendéronse dúas campañas de escavación arqueolóxica e consolidación centradas no tramo interior do sector leste da muralla.                                                                           

Data de actualización: 22/10/2026