A Xunta e o Concello de Chantada colaboran para ampliar a superficie do punto limpo

Tamén se incorpora un vehículo de recollida de biorresiduos como novo recurso para mellorar a eficiencia na xestión dos refugallos de competencia municipal

Chantada (Lugo), 22 de outubro de 2026

A Xunta e o Concello de Chantada colaboran para levar a cabo as obras de ampliación do punto limpo e para adquirir un vehículo de recollida separada de biorresiduos.

Ambas iniciativas foron promovidas pola entidade local co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que achega 194.500 euros para estes dous proxectos e para implantar a compostaxe e a recollida separada de residuos téxtiles en Chantada.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e o alcalde chantadés, Manuel Lorenzo Varela, visitaron hoxe o punto limpo para facer seguimento do estado de execución dos traballos.

A actuación ten por obxecto incrementar a superficie destas instalacións, dotadas cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características. O proxecto inclúe a construción de peches e soleiras, así como unha nova caseta de recepción e admisión.

O obxectivo é mellorar a eficiencia na xestión dos refugallos de competencia municipal, co fin de avanzar cara uns espazos máis limpos, máis sostibles e máis saudables para toda a cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2026