A Xunta activa desde esta noite a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A Xunta vén de activar desde esta noite a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), debido ao fenómeno meteorolóxico adverso por temporal costeiro, no litoral da Coruña e na Mariña lucense agárdase a partir das primeiras horas da noite mar combinada do noroeste con ondas de ata sete metros con vento do oeste forza oito. No caso da costa de Pontevedra, desde a primeira hora da madrugada, espérase que as ondas poidan acadar os seis metros con vento do suroeste de forza sete.
A actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar suspéndese nas zonas afectadas por esta alerta laranxa, agás as excepcións establecidas no protocolo de alertas publicado na web Deporte Galego.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.