O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita esta construción medieval

A Xunta adxudica por preto de 200.000€ as obras da segunda fase de restauración da ponte de Fillaboa, en Salvaterra de Miño

López Campos destaca que se trata de traballos para garantir a estabilidade da infraestrutura cun prazo de execución previsto de seis meses

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 13 de novembro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia acaba de adxudicar por preto de 200.000€ a segunda fase da restauración da ponte medieval de Fillaboa, no municipio pontevedrés de Salvaterra de Miño. Así o deu a coñecer na visita a esta infraestrutura de interese histórico e patrimonial, onde precisou que o prazo previsto de execución destes traballos é de seis meses.

Neste senso, López Campos lembrou que esta construción, de 75 metros de lonxitude e  composta por catro bóvedas apuntadas, xa fora obxecto en 2015 dunha primeira intervención por parte do Goberno galego por valor de 117.000 euros para “resolver unha serie de patoloxías, resultado da erosión provocada polo paso do tempo e tamén polas fortes correntes do río Tea”.

Deste xeito, o conselleiro asegurou que as novas obras completarán as “actuacións que lle eran necesarias para reparar o conxunto de danos co obxecto de garantir a súa estabilidade”. Neste senso, apuntou que se levarán a cabo, entre outras accións, a cimentación de piares, a colocación de tirantes de aceiro ou a reparación de gretas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2026