O director xeral de Patrimonio Cultural abriu o encontro de relatores no Museo das Peregrinacións e de Santiago

A Xunta pecha as Xornadas Europeas do Patrimonio organizadas en Galicia coa reflexión de expertos sobre os efectos do clima na arqueoloxía

A actividade, orientada a profesionais e estudantes do ámbito patrimonial, conclúe unha programación que comezou en setembro e contou con visitas, obradoiros e relatorios

Ángel Miramontes destaca a importancia de celebrar esta cita como mostra “do traballo e interese pola conservación patrimonial”

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2026

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, abriu hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago o encontro de expertos co que a Xunta pecha as actividades das Xornadas Europeas do Patrimonio, organizadas no marco dun programa conxunto do Consello de Europa e a Comisión Europea coa colaboración dos coordinadores nacionais dos países involucrados.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na apertura desta xornada, orientada a profesionais e estudantes do ámbito patrimonial e composta por catro relatorios, na importancia de “celebrar esta cita, dando conta do traballo e interese que temos en Galicia pola conservación e posta en valor do patrimonio”. Neste senso, lembrou que o obxectivo xeral das institucións europeas con esta proposta é o de “animar ás autoridades públicas e á cidadanía a valorar o patrimonio local e europeo, fomentando o diálogo intercultural”.

Do mesmo xeito, Miramontes destacou os piares nos que se asentou esta programación, que ademais da xornada de hoxe contou con outras tres propostas, centradas, explicou, “nos efectos do clima sobre o patrimonio arqueolóxico e na convivencia do patrimonio co urbanismo”, ademais de versar sobre a “revitalización  de prácticas e tradicións que conforman o noso patrimonio inmaterial.

Con esta última actividade, a Xunta de Galicia completa unha axenda que durante setembro e outubro tamén incluíu unha visita guiada ao xacemento de Adro Vello, no Grove,  unha actividade de descubrimento patrimonial para escolares en torno á muralla medieval de Santiago de Compostela e un obradoiro de revitalización do tecido tradicional galego no Museo do Pobo Galego, tamén en Santiago.

En concreto, os relatorios desta mañá abranguen a exposición do Proxecto Sentinela: Creando e aplicando ferramentas para monitorizar os procesos erosivos sobre o patrimonio cultural no Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, dos autores Adolfo Fernández Fernández e Patricia Valle Abad, da Universidade de Vigo, e Rita González Villanueva Mariñas e Nicolás Villacieros-Robineau, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. Unha conferencia á que lle segue a titulada Patrimonio en risco: seguimento dos xacementos arqueolóxicos costeiros expostos a erosión mariña, a cargo de Marco Lado Liñares, Vanessa Álvarez López e Eva Vidal Vázquez, membros do Grupo Aquaterra da Universidade da Coruña.

Por outro lado, o especialista en arqueoloxía subacuática, Miguel San Claudio, analiza como a combinación do aumento do nivel do mar, o incremento da forza da ondada e os cambios nas correntes erosionan os fondos mariños e afectan ao patrimonio subacuático. Para rematar, o arqueólogo e restaurador Fernando Carrera achegará a comunicación Aproximación ao impacto dos incendios forestais na arte rupestre de Galicia, froito do seu traballo científico enfocado no estudo, a xestión de riscos e a preservación de xacementos prehistóricos.

Data de actualización: 13/11/2026