Villaverde apela en Vigo a escoitar as necesidades reais dos consumidores para que o peixe teña máis presenza nos menús das familias
A conselleira do Mar inaugurou no CETMAR a xornada Peixe sen espiñas. Barreiras ao consumo de produtos do mar, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia
Sinalou a falta de tempo para cociñar, a percepción de que o peixe é caro, a perda do hábito de consumilo na infancia e a desinformación como os principais obstáculos para incorporalo á dieta cotiá
Vigo, 13 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu hoxe en Vigo a necesidade de escoitar as persoas consumidoras para coñecer as dificultades que atopan á hora de mercar e preparar peixe e facilitar que o incorporen con máis frecuencia aos seus menús. Fíxoo na inauguración da xornada Peixe sen espiñas. Barreiras ao consumo de produtos do mar, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e celebrada na sede do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR).
Villaverde lembrou que en 2025 o consumo de peixe e marisco nos fogares galegos superou os 23 quilos por persoa, uns cinco por riba da media estatal. A conselleira sinalou que a tendencia xeral á baixa obriga a coñecer mellor os motivos que condicionan a compra destes produtos, desde o tempo que as familias poden dedicar a cociñar ata a percepción de que o seu prezo é elevado. Neste sentido, apuntou que hai especies para distintos orzamentos e reiterou a demanda que xa se trasladou en múltiples ocasións ao Goberno central de eliminar ou rebaixar ata o tipo superreducido o IVE dos produtos pesqueiros para facilitar o acceso a eles.
A titular de Mar tamén incidiu na importancia de incorporar o peixe á alimentación desde a infancia e de ofrecer información rigorosa “para combater os mitos e os bulos”. Neste ámbito, referiuse a iniciativas como Movemento Azul da Xunta de Galicia e Mexillón de Galicia nas aulas, que achegan o coñecemento do sector, os produtos do mar e os hábitos de alimentación saudables aos máis novos. Tamén aludiu á nova campaña de foodtrucks de Galicia Sabe AMAR, que volveu ás estradas esta semana e que levará degustacións de peixes e mariscos a toda a xeografía galega.
Na apertura da xoranda, na que participaron o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo, e a directora do CETMAR, Rosa Chapela, Villaverde destacou a oportunidade de reunir nun mesmo foro a confrarías, industria transformadora, distribución, comunidade educativa e organizacións de consumidores. O programa inclúe unha análise da evolución do consumo nos fogares a cargo do Instituto Galego de Estatística e catro mesas de debate sobre a preparación do peixe, o prezo, os hábitos na infancia e a desinformación.