As axudas da Xunta para actividade deportiva en 2023 dotadas con 2 M€ acadan o número máximo de clubs con 1.317 entidades beneficiarias
No caso dos Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE), nesta ocasión foron concedidas as axudas de 30.000 euros a cinco NADEs: Club Kayak Tudense, Club BKC Kickboxing Coruña, Club Deportivo Natural Sport Videlgi, Club Halterofilia Coruña e Real Club Deportivo de La Coruña S.A.D.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o pasado venres a resolución de entidades beneficiarias, entidades desestimadas e entidades inadmitidas da concesión de subvencións a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento especializado de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas para o ano 2023.
A concesión destas subvencións conta cun importe máximo de 2 millóns de euros para dúas liñas de actuación. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades deportivas, que terá un orzamento de 1,85 millóns de euros e, pola outra, os núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) desenvoltos a raíz do novo decreto de alto nivel do ano 2020 e que terá un orzamento de 150.000 euros.
En total, 1.527 entidades presentaron a solicitude para optar á liña de financiamento de actividades deportivas, acadando o número máis alto de solicitudes rexistradas. Destas, o 87% (1.317) resultaron beneficiarias, acadando tamén unha cifra récord de axudas concedidas. 180 solicitudes foron denegadas por non acadar a puntuación mínima e outras 30 resultaron excluidas por non completar a documentación ou non cumprir requisitos. As entidades beneficiarias dispoñen dun mes de prazo para presentar a solicitude de aboamento da axuda concedida e demais documentación xustificativa.
No caso dos Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE), nesta ocasión foron concedidas as axudas de 30.000 euros a cinco NADEs: Club Kayak Tudense, Club BKC Kickboxing Coruña, Club Deportivo Natural Sport Videlgi, Club Halterofilia Coruña e Real Club Deportivo de La Coruña S.A.D.
Cómpre lembrar que o investimento público autonómico entre 2020 e 2023 en actividade e en equipamento deportivo supera os 61,9 millóns de euros, sendo os destinatarios das axudas os clubs e as federacións deportivas da Comunidade Autónoma. Neste 2023, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 44.071.363 euros, un orzamento que se incrementa un 36% con respecto a 2022 (32.489.463 euros) e supón o maior orzamento da historia do deporte galego.