Plan básico autonómico de Galicia

O Plan Básico Autonómico de Galicia é un instrumento de planeamento urbanístico que abrangue a toda a Comunidade Autonóma de Galicia e que, en esencia, constitúe unha peza viva e radiográfica das afeccións  sectoriais que afectan ao seu territorio.

O PBA é unha ferramenta dinámica que resulta indispensable para plasmar sobre o territorio de Galicia a complexa realidade da normativa sectorial que lle afecta e dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados. Ademais, identifica os asentamentos de poboación existentes na nosa comunidade.

Por outra banda, tamén contén unha normativa urbanística que establece disposicións xerais sobre os diferentes usos do solo e da edificación, así como ordenanzas tipo particulares. Dita normativa substituiu ás Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais aprobadas no ano 1991.

No que atinxe ao alcance das súas determinacións, o PBA é de aplicación nos concellos que carecen de planeamento xeral e ten carácter complementario do planeamento municipal naqueles concellos que dispoñen del, para suplir as súas posibles indeterminacións e lagoas.
A aprobación do PBA supuxo o punto de partida para a formulación dos Plans básicos municipais que está a promover a Xunta de Galicia en concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan cun planeamento xeral.
A cartografía do Plan básico autonómico debe actualizarse en función dos cambios acontecidos nas afeccións sectoriais que afectan ao territorio de Galicia, así como en función dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados.

De conformidade co artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, estes cambios resultarán directamente vinculantes desde a súa entrada en vigor e prevalecerán sobre a información reflectida na cartografía do Plan básico autonómico. Porén, isto enténdese sen prexuízo da necesidade de que a cartografía do Plan básico autonómico se actualice cunha periodicidade mínima anual, se ben se está actualizando cunha periodicidade semestral.
A documentación da cartografía orixinal do PBA e as súas sucesivas actualizacións pode consultarse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico, ao que se accede dende o seguinte enlace.

Data de aprobación do plan: 26/07/2018