A Xunta e a Fundación Monte do Gozo colaborarán na reinserción social e laboral dos mozos atendidos por esta entidade

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), achegará case 28.000 euros para financiar os labores desenvolvidos pola Fundación en campos de ensaio e demostración de cultivos de horta

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2020

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e o director da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo, asinaron un convenio de colaboración para fomentar a reinserción social e laboral dos mozos atendidos por esta entidade sen ánimo de lucro mediante a actividade agrícola.

Así, por medio deste acordo a Agacal, adscrita á Consellería do Medio Rural, achegará un total de 27.766 euros á Fundación para financiar os traballos de mellora da xestión e control técnico-administrativo nos campos de ensaio e experimentación de hortofloricultura ou outras actividades semellantes.

Pola súa banda, o organismo que xestiona as actividades do Proxecto Home responsabilízase da realización dos campos de ensaio e demostración destes cultivos nunha superficie de 10.600 metros cadrados, dos cales 8.600 serán ao aire libre e os 2.000 restantes baixo abrigo.

O proxecto de experimentación comprenderá o establecemento dos devanditos campos de horticultura intensiva e extensiva, introducindo novos cultivos, tanto de horta como ornamentais, e a aplicación de novas tecnoloxías que sirvan para a aprendizaxe dos alumnos do centro terapéutico da Fundación. Así mesmo, procederase á eliminación de restos orgánicos mediante compostaxe e disporase unha zona na parcela para levar a cabo demostracións de método e de resultados dos labores realizados.