Máis de 2.100 persoas participaron nas actividades divulgativas e de formación organizadas por Meteogalicia ao longo de 2019
A maior parte dos visitantes que se achegaron ata o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente son estudantes de centros de Primaria e Secundaria, de FP e universitarios de ramas como Física ou Enxeñaría Ambiental
Este tipo de accións formativas realízanse de forma periódica e continuada todos os anos desde a posta en marcha da institución, hai case dúas décadas
Máis de 2.100 persoas participaron ao longo do ano pasado nalgunha das actividades formativas e de divulgación celebradas en MeteoGalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co fin de achegar á cidadanía ao mundo da meteoroloxía.
A maioría dos participantes nestas visitas son estudantes de Educación Primaria, Secundaria e Especial, alumnos de Formación Profesional e universitarios. De feito, nos últimos anos tense constatado un interese crecente entre o alumnado das Universidades de Santiago de Compostela (USC) e de Vigo (UVIGO), sobre todo entre aqueles vencellados a titulacións de Enxeñaría Ambiental, Física, Química, Xeografía e Historia, e Educación. Tamén hai moito interese por parte dos estudantes de FP, sobre todo dos que cursan o Ciclo Superior de Saúde Ambiental, Educación e Control Ambiental e Química Ambiental.
As actividades a disposición dos centros e outros colectivos interesados, como poden ser asociacións culturais, divídense en sesións formativas sobre meteoroloxía e aparellos especializados na materia, charlas sobre contaminación ambiental, sesións sobre ruído ambiental e lanzamento de radiosondaxes.
Durante 2019 organizáronse en total 53 visitas á sede de MeteoGalicia, localizada en Santiago de Compostela. Nas sesións formativas sobre meteoroloxía explicóuselles como se fai a predición meteorolóxica e as ferramentas que se empregan, amosando o funcionamento dos aparellos meteorolóxicos, o traballo de observación e o mantemento da rede de estacións dependentes do organismo autonómico.
Nas visitas centradas na contaminación ambiental dáse a coñecer o estado da calidade do aire na nosa comunidade e explícanse os métodos para o seu control, ademais de visitar a estación de medición da calidade do aire. As actividades, charlas e conferencias impartidas polos técnicos de MeteoGalicia, en todo caso, adáptanse e adecúanse sempre á idade e aos intereses particulares de cada grupo de visitantes, de modo que se afonda máis ou menos no contido da materia segundo o seu perfil particular.
Así, no caso de que os alumnos sexan de Bacharelato, fáiselles unha descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos universitarios ou outro tipo de grupos cun maior grao de especialización e coñecementos sobre a materia, explícaselles o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de MeteoGalicia, na que poden atopar toda a información que se precisa para realizar a predición.
Os técnicos do organismo tamén se deteñen nas súas charlas nun aspecto fundamental da meteoroloxía: a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos, facendo especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición. Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensino, como a outros grupos.
Case 20 anos divulgando sobre meteoroloxía
Cómpre lembrar que este tipo de visitas se realizan de forma periódica desde que MeteoGalicia comezou a súa actividade, hai xa 19 anos, ao entender que unha parte fundamental da meteoroloxía consiste en dar a coñecer como se fan as predicións e medicións do medio atmosférico. Así mesmo, cada 23 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Meteorolóxico Mundial, organízase tamén unha xornada de portas abertas na sede de MeteoGalicia co fin de achegar á sociedade o traballo que se desenvolve desde o centro de predición e observación dos fenómenos meteorolóxicos.
Por último, desde o ano 2007 o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente colabora tamén cos centros educativos co obxectivo de apoialos no desenvolvemento de actividades didácticas relacionadas coa meteoroloxía e a observación meteorolóxica. Na mesma liña, desde 2012, MeteoGalicia participa no chamado Plan Proxecta liderado pola Consellería de Educación a través do programa MeteoEscolas. Concretamente, no curso escolar 2018-2019 participaron un total de 11.130 alumnos de 43 colexios galegos
Primeiras visitas do ano
Durante o mes de xaneiro, retomaranse este tipo de actividades coincidindo coa reanudación da actividade escolar. Así, entre o día 8 e o 28 deste mes están previstas seis visitas. Na seguinte táboa resúmense as actividades programadas:
ACTIVIDADES PREVISTAS EN METEOGALICIA EN XANEIRO DE 2020
Día | Hora | Centro | Curso | Concello |
08/01/20 | 10:00 | CEIP Ramón Cabanillas | 50 alumnos de 6º de Primaria | Santiago de Compostela |
14/01/20 | 10:00 | CPR María Auxiliadora | 50 alumnos de 4º ESO | Lugo |
15/01/20 | 10:30 | Patrullero Cabo Fradera | 20 alumnos do curso de dotación do buque | Tui |
21/01/20 | 10:00 | CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón | 60 alumnos de 6º de Primaria | Salvaterra de Miño |
22/01/20 | 10:30 | AGADEA (Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer) | 26 usuarios do centro | Santiago de Compostela |
28/01/20 | 10:00 | IES Valga | 67 alumnos de 1º ESO | Valga |