22/09/22 | 16:22 | A Presidencia da Xunta Declaración de iniciativa empresarial prioritaria dunha planta de metanol renovable en Caldas de Reis na que Iberdrola investirá 40 M€
O proxecto, denominado ‘Green Umia’, configúrase como unha solución pioneira que permitirá integrar nunha mesma localización a produción e uso industrial de hidróxeno verde, que xunto ao dióxido de carbono dos gases da caldeira de biomasa, permitirán a produción de metanol renovable
As previsións sitúanse na produción de 2900 toneladas anuais, o que permitirá reducir as importacións galegas de metanol substituíndoas por unha produción local sostible que tamén será empregada pola propia empresa para a fabricación de diversas colas, resinas e adhesivos
A iniciativa aposta pola economía circular, dispondo dunha planta de tratamento que permitirá aproveitar os fluxos de augas residuais reducindo a cantidade bruta empregada no proceso industrial
Impulsarase a creación de 55 empregos directos, o 46% será emprego feminino
A declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, potenciando a captación de investimentos e a xeración de emprego de calidade, e mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto
Ata o de agora, son 16 iniciativas as que se adheriron a esta figura en Galicia, cunha mobilización global de preto de 760 M€ e arredor de 720 empregos