Un total de 360 escolares de primeiro curso da ESO participaron nas xornadas de divulgación da Xunta sobre o uso responsable da auga

Augas de Galicia desenvolveu nos dous últimos meses actividades de difusión do novo Plan de Seca da demarcación Galicia-costa en centros educativos das catro provincias

A actividade levouse a cabo no IES de Foz; no IES Alfredo Brañas, en Carballo; no IES Salvador de Madariaga na Coruña; e no CPI Cova Terreña, en Baiona

Os escolares constataron a importancia do aforro da auga ante o actual escenario de cambio climático, que supón un incremento da frecuencia de episodios de seca, como o acontecido neste ano 2022

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2022

Un total de 360 escolares de catro centros educativos do 1º curso de Educación Secundaria Obrigatoria participaron nas “Xornadas de divulgación sobre aforro da auga”, organizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia.

 

Nas actividades, que forman parte dos traballos de difusión do novo Plan de seca 2021-2027 da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, os escolares constataron a importancia dun uso responsable da auga, especialmente necesario ante o actual escenario de cambio climático que supón un incremento da frecuencia de episodios de seca, como o acontecido neste ano 2022.

 

Nestas xornadas, impartidas polos técnicos de Augas de Galicia co obxectivo de concienciar aos máis novos da importancia da auga para a sociedade e o medio ambiente, participaron os alumnos de 1º da ESO do IES de Foz;  do IES Alfredo Brañas, en Carballo; do IES Salvador de Madariaga, na Coruña; e do CPI Cova Terreña, no municipio de Baiona.

 

As xornadas impulsadas nestes catro centros educativos ao longo dos meses de novembro e de decembro comezaron pola exposición de detalle do novo Plan de Seca de Galicia-costa, como instrumento de planificación que actualizou o existente desde o ano 2013, e que permitiu xestionar algúns dos episodios de seca e escaseza máis importantes acontecidos nos últimos anos na demarcación Galicia-costa, a conca de competencia da Xunta.

 

Os escolares coñeceron os detalles do Plan de Seca na demarcación de competencia da Xunta, no que se determina unha xestión diferenciada para as situacións de seca prolongada, relacionadas coa diminución das chuvias, e de escaseza conxuntural, relacionadas coas dificultades para atender a demanda de auga á poboación.

Introducíronse, tamén, nos indicadores avaliados neste Plan e nos conceptos que definen distintos escenarios de escaseza: prealerta, alerta e emerxencia, e nos diferentes tipos de medidas que se deben aplicar segundo a situación.

 

Nas xornadas afondouse, tamén, na demanda humana e no caudal ecolóxico dos ríos, cunha explicación do funcionamento do ciclo urbano da auga (potabilización, distribución, depuración), centrada na propia localidade do centro. Os técnicos de Augas de Galicia tamén abordaron os diferentes consumos que as persoas realizan como individuos e como colectivo, afondando en diferentes alternativas de aforro que cada persoa pode aplicar no seu día a día.

 

Dentro destas xornadas realizouse unha actividade de rol sobre a xestión dun encoro. Esta iniciativa permitiulle aos alumnos comprender mellor a importancia de realizar unha boa xestión da auga, xa que o abastecemento á poboación se pode ver limitada pola aleatoriedade e a estacionalidade do clima.

 

Plan de seca 2021-2027

O Plan de seca 2021-2027 da demarcación hidrográfica Galicia-costa ten como obxectivos principais asegurar a dispoñibilidade de auga aos cidadáns e minorar os efectos destes episodios sobre o estado das masas de auga, así como sobre as actividades económicas.

 

O novo Plan, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 2 de xuño de 2022,  reforza a anticipación e a resposta coordinada ante estes eventos de escaseza dos recursos hídricos co obxectivo de garantir o abastecemento de auga á poboación.

 

Este Plan é o instrumento que permite ordenar a resposta ante estes eventos proporcionándolles ás distintas administracións instrumentos xurídicos para facerlles fronte, supón unha profunda actualización para mellorar a súa eficacia e afrontar os retos futuros, como as consecuencias derivadas do cambio climático e a modificación dos réximes cambiantes de precipitación.

 

A demarcación Galicia-costa rexistra unha precipitación media anual de 1.500 mm, un valor moi elevado en relación co resto da península. Porén, vén sufrindo episodios de escaseza de auga, froito da desigualdade da distribución temporal dos recursos hídricos e do contexto do cambio climático.

Imaxes relacionadas