A Xunta impulsa a mobilidade sostible con 476.000 € en axudas para a adquisición de 952 bicicletas eléctricas na provincia de Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, informou do balance desta convocatoria do programa EBici en Motor Bike Pontevedra, un dos 130 establecementos galegos adheridos a esta iniciativa

Vilagarcía, con 95 achegas, a cidade de Pontevedra, con 68, e O Grove, con 40, sitúanse entre os dez concellos galegos onde houbo maior cifra de beneficiarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade repetirá convocatoria en 2023 ante o éxito deste programa e tamén destinará 1 M€ en axudas

Pontevedra, 28 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia vén de darlle un forte impulso á mobilidade sostible na provincia de Pontevedra coa concesión de axudas por importe de 476.000 euros a 952 cidadáns para a adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido ao abeiro do programa EBici.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, informou do balance desta primeira convocatoria en Motor Bike Pontevedra, un dos 130 establecementos galegos adheridos a esta iniciativa e que, para facilitar o acceso ás axudas, encargáronse da tramitación das mesmas a prol dos usuarios interesados.

“Esta novidosa orde de subvencións foi un auténtico éxito e tivo unha grandísima acollida entre a cidadanía, principalmente da provincia de Pontevedra, que case obtivo o 50% das 2.009 aprobadas en toda Galicia, e ademais cumpriu á perfección co obxectivo da Xunta de promover unha mobilidade máis saudable, sobre todo en distancias curtas e nas contornas urbanas, e de favorecer a preservación do medio ambiente coa redución das emisións e da contaminación acústica”, detallou o representante autonómico.

Na área territorial de Pontevedra, destacaron especialmente as solicitudes aprobadas en Vilagarcía de Arousa (95), a capital provincial (68) e O Grove (40), que se sitúan entre os dez concellos con maior cifra de beneficiarios de toda Galicia.

No que respecta á contorna da cidade de Pontevedra tamén destacan as 17 axudas de Bueu, as 12 de Poio ou as 7 de Marín, mentres que na comarca do Salnés a cifra global dos nove municipios elevouse ata as 222 coa seguinte distribución nos demais concellos: A Illa de Arousa (32), Cambados (24), Ribadumia (9), Vilanova de Arousa (8), Sanxenxo (5), Meis (5) e Meaño (4).

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade conseguiu mobilizar 1,95 millóns de euros con este programa EBici grazas a unha partida dun millón en axudas tras ampliar o crédito inicial polo éxito da convocatoria. Na provincia de Pontevedra estas cifras eleváronse a 953.979 euros en investimentos e 475.987 euros en subvencións autonómicas a prol dos usuarios.

O departamento autonómico xa anunciou que, ante a gran resposta da cidadanía, haberá unha segunda convocatoria desta orde de axudas para adquisición de bicicletas eléctricas de pedaleo asistido o vindeiro ano e, posiblemente, verá a luz no primeiro semestre do exercicio coa mesma partida de 1 millón de euros.

Imaxes relacionadas