A Xunta reforza o equipamento de emerxencias do GES de Mugardos coa entrega dun novo camión

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe ao grupo de Emerxencias Supramunicipal dun camión Bomba Rural Pesada equipado para todo tipo de intervencións

O Goberno galego investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros na cesión de medios materiais para a atención ás emerxencias nos concellos galegos
 

Mugardos (A Coruña), 8 de xaneiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun camión Bomba Rural Pesada (BRP) ao GES de Mugardos para reforzar o seu equipamento e mellorar así a eficacia ante calquera intervención. Á entrega tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e o alcalde do concello, Juan Domingo de Deus.

O novo vehículo cedido ao GES de Mugardos, cun custe de preto de 200.000 euros, dispón de tracción integral 4x4 e pode ser ocupado por tres integrantes do equipo. Ademais, conta cunha cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada, o que permite o lanzamento de auga en baixa e alta presión ou ambas de forma simultánea. Está totalmente equipado para todo tipo de intervencións de emerxencia, e dispón da instalación para equipos emisores receptores de radio dixital homologado cos que acceder á Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Seguridade e Emerxencias de Galicia.

Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego continúa así a consolidar a súa folla de ruta para dar unha mellor resposta ante as emerxencias coa adquisición de equipamento operativo para os servizos municipais. Por iso, incidiu no compromiso da Xunta e a súa colaboración cos concellos para conseguir que a atención ás emerxencias sexa eficaz e estea garantida en todo o territorio galego.

Esta entrega da continuidade ao camiño iniciado nos últimos anos de dotar de máis material e equipamento de emerxencias aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e ás Agrupacións de Protección Civil, cun importante investimento en medios materiais que supera os 12 millóns de euros en equipamento cedido desde 2015 aos concellos galegos. Ademais da adquisición de equipamento, a Administración autonómica contribúe a financiar o funcionamento e o mantemento dos GES.

Imaxes relacionadas