A Xunta adxudica a rehabilitación da futura sede do servizo de urxencias sanitarias do 061 na rúa Gregorio Hernández da Coruña, por un investimento superior aos 530.000 euros

Os traballos prevén iniciarse no primeiro trimestre deste ano e teñen un prazo de execución de 7 meses

A intervención permitirá habilitar a edificación, antigamente destinada a base medicalizada terrestre e situada na parte sur da parcela, para acoller os locais para ambulancias e medicamentos, así como estancias de descanso, traballo e reunións

Na fachada se realizarán traballos de renovación dos cerramentos para mellorar a eficiencia enerxética, dándolle unha imaxe renovada ao conxunto do edificio con materiais e sistemas construtivos contemporáneos

Esta intervención é complementaria á construción do Espazo Amizar, xa adxudicada, mobilizando a Xunta nestas dúas obras máis de 7 millóns de euros

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020

A Xunta vén de adxudicar a execución das obras de rehabilitación da futura sede do servizo de urxencias sanitarias do 061 na rúa Gregorio Hernández da Coruña, por un investimento superior aos 530.000 euros.

Os traballos, que dispoñen dun prazo de execución de 7 meses, foron adxudicados á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L. As obras prevén o seu comezo no primeiro trimestre deste ano.

Trátase da rehabilitación da edificación, antigamente destinada a base medicalizada terrestre e situada na parte sur da parcela. Coa obra non hai aumento de edificabilidade, e para iso se prevé a demolición dun pequeno local existente, a retirada da caseta do grupo electróxeno e realizarase a demolición da marquesiña de acceso actual á Rolda para substituíla por unha na zona de entrada principal.

O proxecto permitirá habilitar o edificio, en planta baixa, para arquivo, local para ambulancias e local para medicamentos. Na planta primeira habilitaranse estancias de descanso, traballo e reunións. O edificio contará con ascensor.

En canto á fachada, realizaranse traballos de renovación dos cerramentos para mellorar a eficiencia enerxética, que é un dos principais obxectivos do proxecto. Conferirá unha imaxe renovada do conxunto do edificio con materiais e sistemas construtivos contemporáneos cunha estética máis propia dun edificio institucional e singular nun entorno de uso principalmente residencial.

Esta é unha obra complementaria á de construción do Espazo Amizar, de rehabilitación integral do edificio Gregorio Hernández, adxudicada á unión temporal de empresas Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L. - Extraco Construccións e Proxectos S.A. por un importe superior aos 6,3 millóns de euros. Entre as dúas obras, o orzamento mobilizado pola Xunta de Galicia supera os 7 millóns de euros.

Neste actuación a intervención transformará a antiga Delegación da Consellería de Sanidade na cidade da Coruña no novo Espazo Público Amizar ten un prazo de execución de 12 meses desde o seu inicio. Trátase da rehabilitación dunha extensión duns 5.500 metros cadrados para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades.

A actuación prevista neste edificio -proxectado en 1971- está deseñada para dar resposta ás necesidades e aos diferentes usos aos que se destinarán as instalacións: oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia Xunta. O edificio contará cun salón de actos de común para todos os usuarios do Espazo Amizar.

Imaxes relacionadas