A Xunta reforza cun novo camión de emerxencias o equipamento do GES do Pereiro de Aguiar

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso da Xunta para dotar aos servizos municipais de emerxencia dos medios necesarios para prestar unha resposta eficiente ante calquera intervención

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 14 de xaneiro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun novo vehículo ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do Pereiro de Aguiar co que reforzar o seu equipamento de emerxencias. O Goberno galego investiu case 200.000 euros na adquisición deste camión de tipo Bomba Rural Pesada (BRP) totalmente equipado para todo tipo de intervencións, similar ao que tamén recibiu a semana pasada o GES de Mugardos.

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; e o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, tamén asistiron á entrega.

Alfonso Rueda destacou o traballo dos profesionais que traballan na prevención e na atención ás emerxencias na nosa comunidade contribuíndo á seguridade da cidadanía. Por iso, incidiu no compromiso da Xunta para dotar aos servizos municipais dos medios necesarios para realizar o seu traballo nas mellores condicións e garantir a eficacia e a calidade de resposta ante calquera intervención.

O novo vehículo co que contará o GES do Pereiro de Aguiar dispón de tracción integral 4x4 e pode levar no seu interior ata tres persoas para a atención ás emerxencias. Ademais, conta cunha cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada, o que permite o lanzamento de auga en baixa e alta presión ou de forma simultánea de ambas. Este recurso de intervención está dotado de equipos de radio dixital homologado cos que acceder á Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Seguridade e Emerxencias de Galicia.

A entrega de hoxe súmase ao importante investimento dos últimos anos, e que xa supera os 12 millóns de euros en equipamento de emerxencias cedido pola Xunta aos concellos galegos. Ademais da cesión de material, a Administración autonómica mantén un compromiso activo co mantemento e financiamento dos servizos de emerxencias, como se demostra a través de convenios cos Grupos de Emerxencia Supramunicipais.
 

Imaxes relacionadas