A Policía Autonómica e axentes forestais esclarecen un incendio no concello das Nogais

Trátase da segunda persoa investigada pola Policía Autonómica no marco da campaña contra incendios forestais do 2020

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2020

Axentes da Policía Autonómica, en colaboración con axentes forestais, veñen de esclarecer un incendio producido no concello lucense das Nogais.

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Lugo, en colaboración con Axentes Forestais do Distrito VII A Fonsagrada-Os Ancares, procederon a tomar declaración como investigada a unha muller, como presunta autora dun lume forestal que se produciu o pasado 7 de xaneiro no lugar de San Xoán, na parroquia de Noceda.

Neste caso, o incendio debeuse ao escape dunha queima que a investigada estaba a realizar sen as oportunas precaucións. Ademais, a investigada non contaba coa preceptiva comunicación de queima. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia de Becerreá.

Na actual campaña contra os incendios forestais do 2020 foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica dúas persoas como presuntas autoras de incendios forestais.