A Xunta promocionará os produtos de calidade do agro e do mar de Galicia no XXI Salón Gastronómico Xantar

A Consellería do Medio Rural terá un posto onde estarán presentes un total de 14 entidades agroalimentarias

A Consellería do Mar participa cun posto de 48 metros cadrados e con numerosas degustacións para enxalzar os produtos pesqueiros galegos

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2020

A Xunta de Galicia promocionará, un ano máis, os produtos agroalimentarios galegos de calidade na XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2020.

Así, a Consellería do Medio Rural estará presente cun posto onde estarán ubicadas un total de 14 empresas coexpositoras. Ademais, haberá un espazo onde se desenvolverán un amplo programa de actividades e eventos nos que se poderán coñecer e degustar produtos galegos con selos de calidade como o mel, carnes, augardentes, produtos ecolóxicos, pan, patacas, grelos, queixos e castañas. Tamén se promocionará a marca de garantía Galega 100%, que distingue ao leite producido en Galicia nas mellores condicións sanitarias, que contara cun espazo expositivo propio.

Os viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia tamén terán unha presencia destacada cun túnel de degustación, onde poderán coñecerse as marcas gañadoras das catas oficiais de Galicia e outras propostas enolóxicas galegas.

As empresas alimentarias do agro que participarán nesta nova edición son: Ánades Galicia, Adega O Cotarelo, Cárnicas Regueiro, Montañas de Trevinca, Casa Zolle, Milkabra, Orballo, Bodegas Torres Augusti, ST. Petroni, Xacobleas, Apícola Outeiro, Aboamigalla, Nela Gourmet e Alma Meiga. Tamén estarán presentes nesta feira Campocapela e Embruxo.

Pola súa parte, a Consellería do Mar estará presente neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia. Con ese obxectivo tamén se celebrarán numerosas degustacións de receitas elaboradas por relevantes cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais características dos peixes e mariscos galegos.

Estas catas gastronómicas, que se celebrarán na Aula Mar da feira, servirán para que os visitantes poidan degustar os produtos da frota de baixura amparados pola marca de calidade pescadeRías, peixes como a pescada ou o bonito, o mexillón galego ou distintas elaboracións feitas a base de conservas.

Cómpre lembrar que Galicia conta con 36 selos de calidade, convertendo a nosa gastronomía como unha das principais motivacións dos turistas que visitan a nosa comunidade. Sen esquecer as máis de 300 festas gastronómicas que se celebran cada ano en Galicia.

Turismo enogastronómico

A Consellería de Cultura e Turismo participará nesta 21ª edición desta feira cun stand propio e co obxectivo de promover a imaxe de Galicia e así reforzar a promoción e consolidación dos produtos turísticos na nosa comunidade, entre os que salienta o turismo gastronómico. Neste eido, a Xunta está a impulsar a estratexia Galicia Sabe, a folla de ruta para impulsar Galicia como referente enogastronómico a nivel internacional.

Imaxes relacionadas