Ángeles Vázquez avanza que este mes a Xunta convocará unha nova orde de axudas para mellorar a accesibilidade das vivendas

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá un edificio na cidade da Coruña no que se procedeu á instalación dun ascensor grazas a unha subvención de case 46.000 euros outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo

Confirma que neste primeiro trimestre do ano sairán as convocatorias de todos os programas e liñas de actuación en materia de vivenda, cun importe de 34 millóns

A Coruña, 4 de febreiro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará este mes de febreiro unha nova orde de axudas para financiar obras de conservación, mellora da seguridade da utilización e accesibilidade en vivendas, dotada en total con tres millóns de euros a repartir entre as anualidades de 2020 e 2021. Así o avanzou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez, xusto despois de visitar un edificio na cidade da Coruña que se acolleu precisamente á anterior convocatoria desta liña de subvencións.

Concretamente, a conselleira visitou un inmoble situado na céntrica rúa Rafael Alberti no que acaba de completarse a instalación dun ascensor que permitirá que toda a veciñanza teña acceso directo ao exterior, aos garaxes localizados no soto e aos rochos da oitava planta. “Alédanos ver que as políticas do Goberno galego achegan solucións reais a problemas reais, en tempo e forma”, declarou Vázquez Mejuto.

En total, segundo explicou a conselleira, a comunidade de propietarios recibiu unha achega do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) de 45.800 euros grazas á cal puido levar a cabo unha actuación “de extrema e urxente necesidade” para os seus veciños, xa que boa parte deles superan os 70 anos de idade e a falta de ascensor limitaba as súas saídas e complicaba a realización dalgunhas tarefas cotiás no exterior.

Neste sentido, a conselleira salientou que a Xunta puxo en marcha este programa de axudas para facilitar a propietarios, comunidades de veciños, cooperativas e tamén empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios, financiamento para executar obras para a conservación, a mellora da seguridade e a accesibilidade de vivendas cun mínimo de 25 anos, tanto edificios de tipoloxía residencial colectiva como casas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila. Desde 2016, estas axudas chegaron a case 6.000 beneficiarios.

130 millóns en catro anos

Cómpre lembrar que a actuación realizada no edificio da Coruña que visitou a conselleira é só unha mostra das diferentes liñas de axudas que promove a Consellería de Medio Ambiente, a través do IGVS, no marco das súas políticas en materia de vivenda. De feito, Ángeles Vázquez lembrou que só nos últimos catros anos, a Xunta mobilizou preto de 130 millóns de euros en axudas coas que se chegou a uns 28.000 solicitantes e ás súas familias.

Este esforzo terá continuidade tamén este ano, coa convocatoria de diferentes programas destinados a facilitar o acceso á vivenda, en réxime de compra ou alugueiro, e a rehabilitación de inmobles xa construídos. Deste xeito, a conselleira avanzou que neste trimestre sairán publicadas todas as convocatorias, cun importe total de 34 millóns de euros.

Hoxe mesmo, de feito, saíu no DOG a resolución pola que se convocan as subvencións para a adquisición de vivenda por parte do colectivo de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes e en centros históricos. E onte, como lembrou tamén Vázquez Mejuto, saíron publicadas as axudas do Bono de Alugueiro Social para este ano.

Todas as demais liñas de subvencións previstas, explicou, convocaranse entre os meses de febreiro e marzo, entre elas, o programa de vivendas de mestres, as axudas ao alugueiro, os préstamos para rehabilitación, o Fondo de Cooperación dos concellos, as axudas para a promoción de vivendas en réxime de aluguer ou a liña de subvencións para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sostibilidade.

Imaxes relacionadas