Os centros de formación para o emprego da Xunta de Galicia en Melide, Ames, Negreira e Santiago formarán a 350 desempregados

O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou en Melide os cursos de atención socio sanitaria a persoas dependentes e de cociña

Ovidio Rodeiro destacou a importancia de contar co tecido produtivo de cada contorna, co fin de adaptar os perfís profesionais do alumnado ás demandas actuais das empresas

Melide (A Coruña), 5 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe aos alumnos e docentes do centro de formación de Melide (U.A.F), que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta instalación están a desenvolverse dous cursos que contan cada un con quince alumnos en situación de desemprego, un de atención socio sanitaria a persoas dependentes e outro de cociña.

Ademais, nestes primeiros nove meses do ano o centro tamén acollerá outros tres cursos: de operacións básicas de cátering, de operacións básicas de café bar e de operacións básicas de cociña. En total, está previsto que neste período se formen nesta instalación 75 persoas mediante 2.240 horas lectivas, grazas a un investimento de máis de 77.000 euros.

O representante do goberno autonómico apuntou que a administración autonómica realizou en 2018 e 2019 un investimento no centro de formación de Melide de máis de 100.000 euros, cos que se levaron a cabo obras de mellora nas instalacións eléctricas e de auga quente e de climatización-calefacción eléctrica de baixo consumo. Ademais, renovouse a maquinaria, mobiliario e accesorios dos talleres de hostalería e de atención sanitaria, comprouse material de cociña e instaláronse 12 ordenadores para aula e despacho. Tamén se actuou para mellorar o sistema de canlóns de augas pluviais da cuberta de hostalería.

A Xunta de Galicia conta na área de Santiago con catro centros propios de formación, xa que ademais deste de Melide, tamén están os da capital de Galicia, Ames e Negreira. Entre os catro ofrecerán 345 prazas de formación para desempregados en 28 cursos diferentes, o que suporá un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 575.000 euros.

Ovidio Rodeiro destacou que na hora de programar a formación que se imparte nestes centros a Xunta de Galicia ten moi en conta “as necesidades do tecido produtivo de cada unha das zonas, co fin de adaptar os perfís profesionais do alumnado ás demandas actuais das empresas”. O delegado territorial tamén sinalou que “a formación é unha peza clave para mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas, xa que non hai mellor política social que a política de emprego”.

Imaxes relacionadas