Ovidio Rodeiro visitou aos alumnos dos cursos AFD da Coruña na Academia Postal e destacou que nesta área se están impartindo 123 cursos para formar a 1.845 alumnos

A convocatoria é plurianual o que posibilita que se imparta unha formación máis completa e facilita unha maior empregabilidade dos alumnos

A Coruña, 05 de febreiro de 2020

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos alumnos dun dos cursos AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Desempregados) que iniciaron a súa formación na Academia Postal da Coruña. Concretamente, están sendo formados en Seguridade Informática. Este centro ten concedidos tres cursos e contará cunha achega da Xunta de máis de 146.000 euros.

Esta formación están tendo lugar lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro. Ovidio Rodeiro sinalou que “a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria está investindo na provincia coruñesa máis de 11,8 millóns de euros”.

Os alumnos que participan nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

O delegado territorial destacou que na área da Coruña se están impartindo 123 cursos para formar a 1.845 alumnos cun investimento que supera os 5,2 millóns euros. Estes cursos están a celebrarse na súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e 18 deles están organizados polos concellos de Arteixo, Betanzos, Cambre e Oleiros. Os organizadores ofertaron accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilita que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Inserción media do 60%

A Xunta continúa impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, Así, nas últimas edicións alcanzouse un grao de inserción de preto do 60% e deles, 2 de cada 3, conseguírono nos seis primeiros meses tras a finalización do curso.

Na selección do alumnado tiveron preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

Imaxes relacionadas