O director da Agacal inaugura a feira Biocultura da Coruña destacando o auxe da produción ecolóxica na nosa comunidade

A Consellería do Medio Rural financia as actividades de promoción que desenvolverá ao longo destes tres días de certame o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)

A Coruña, 28 de febreiro do 2020

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, inaugurou esta mañá na Coruña a feira Biocultura, que estará aberta ata este domingo 1 de marzo. Alí, destacou o auxe da produción ecolóxica na nosa comunidade, que está reforzado co importante traballo que realiza o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Neste senso, o director puxo en valor o traballo dos máis de 750 produtores e 267 elaboradores, importadores e comercializadores acollidos a este selo de calidade, que teñen inscritas máis de 33.700 hectáreas de superficie. “A produción ecolóxica está crecendo, porque cada vez máis xente aposta por mercar este tipo de alimentos”, subliñou Manuel Rodríguez.

De feito, nos últimos anos a agricultura ecolóxica en Galicia está a rexistrar un crecemento destacado cun aumento do 33% no volume de ventas certificadas, que pasou de 59 millóns de euros en 2017 a 78,7 millóns no ano 2018. Este crecemento é aínda máis significativo se temos en conta que no 2008 este dato era de tan só 12,7 millóns de euros. É dicir, en dez anos o valor económico das vendas multiplicouse por seis.

O director da Agacal manifestou que estes datos reflicten que a produción ecolóxica en Galicia é unha actividade que xera riqueza e emprego no agro e, dende a Consellería do Medio Rural, apóstase por ela tanto desde o punto de vista ambiental, xa que é máis sostible e menos daniña para o entorno, como dende unha perspectiva económica.

A Consellería de Medio Rural, a través da Agacal, apoia esta celebración dada a relevancia que constitúe para Galicia contar cun evento desta magnitude, posto que Biocultura é a feira bio máis importante de España.

Así, a Consellería financia as actividades de promoción que desenvolverá ao longo destes tres días o Craega, o cal dispón dun espazo con 21 operadores, que pertencen a sectores como a acuicultura, as conservas, as cervexas, as marmeladas, o café, os lácteos, os xeados, o viño, as galletas ou a panadería. Ademais, persoal da propia Agacal estará presente no evento para dar apoio aos operadores e ás accións de promoción e divulgación programadas.

Imaxes relacionadas