O titular do Goberno galego mantivo hoxe unha videoconferencia co presidente do Goberno central e co resto dos presidentes autonómicos

Feijóo traslada a Pedro Sánchez que a unidade, a lealdade e a coordinación de Galicia co Goberno de España está garantida

Precisa que todas as medidas xa adoptadas por Galicia, que se anticipou ás decisións para o conxunto de España, quedan ratificadas co Real Decreto

Traslada algunhas iniciativas encamiñadas a mellorar na atención sanitaria, así como outras no ámbito económico e social

“Temos por diante días moi difíciles, pero co traballo conxunto, co traballo dos profesionais sanitarios e coa responsabilidade e o sentidiño individual, estamos evitando que este problema sexa aínda maior”, di, incidindo en que Galicia seguirá traballando sen descanso

Subliña que Galicia, xunto ao resto das comunidades, queda convocada para un novo encontro co presidente do Goberno central, o vindeiro domingo 22 de marzo

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2020

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe a Pedro Sánchez que a unidade, a lealdade e a coordinación de Galicia co Goberno de España está garantida. “Non é o momento de ver o que se podería ter feito, senón de ver que podemos facer todos xuntos”, aseverou, baixo a confianza en que cunha resposta uniforme se poida empezar a combater mellor a emerxencia do coronavirus, cun criterio único para todo o Estado.

Na rolda de prensa posterior á videoconferencia co presidente do Goberno central e co resto dos presidentes autonómicos, Feijóo precisou que todas as medidas xa adoptadas por Galicia, que se anticipou ás decisións para o conxunto de España, quedan ratificadas co Real Decreto.

Así mesmo, o titular da Xunta aproveitou o encontro para plantexar algunhas medidas encamiñadas a mellorar, por exemplo, na atención sanitaria. Sobre este punto, subliñou que a Xunta decidiu reprogramar a atención sanitaria ordinaria nos hospitais tanto de consultas, probas diagnósticas e de cirurxía programada, en función das propostas de cada xerente de área, para deixar espazos, camas e tecnoloxía a disposición de posibles contaxios como consecuencia do virus.

“E tamén pedimos unanimemente que o Goberno central garanta os subministros de equipamento, aparataxe e produtos de protección para todo o persoal sanitario”, dixo, subliñando que é imprescindible que o Goberno central actúe como unha única central de compras e con toda a capacidade que ten ao sumarse todos os servizos de saúde.

No tocante ás fórmulas para incrementar o persoal, o presidente da Xunta informou da necesidade de que se recoñeza a especialidade dos médicos residentes e dos farmacéuticos residentes, que están finalizando o último ano de formación. “Pedimos que de forma inmediata este persoal sanitario, que finaliza a formación nos próximos meses, xa poida ostentar e actuar como título de especialista”, explicou.

Logo de confirmar que calquera cidadán que se atope en Galicia e teña o seu domicilio habitual fóra da comunidade autónoma pode volver ao seu lugar de orixe ou quedar, Feijóo expuxo a necesaria coordinación fronteiriza con Portugal, co obxectivo de que España e o país veciño apliquen as mesmas medidas e os mesmos requirimentos. Ao respecto, confirmou que esta tarde Pedro Sánchez manterá, a través dunha videoconferencia, un encontro co primeiro ministro Costa para regular estas cuestións.

Ao longo do encontro, o responsable do Executivo galego expuxo tamén as preocupacións de determinados sectores. Así, en relación ás peluquerías e a falta dunha regulamentación máis concreta, Feijóo trasladou a proposta de, ante unha persoa que precise a atención por motivos de hixiene, habilitar desprazamentos dos profesionais aos domicilios. Unha medida, avanzou, que será analizada hoxe na reunión do Centro de Coordinación Operativo (Cecop) para concretala no marco da Comunidade.

Proposta de medidas no ámbito económico e social

En relación ao ámbito económico e social, Feijóo aseverou que o Goberno galego remitirá ao Executivo central unha serie de propostas, entre as que destacan: un fondo de continxencia sanitario para as CCAA, á marxe das entregas a conta. E un fondo de continxencia económico con medidas: para relaxar os obxectivos de déficit, que prioricen a autónomos e pemes, que subvencionen a aquelas empresas que manteñan o emprego durante este período, así como con medidas de compensación aos traballadores sanitarios polo extraordinario labor que están levando a cabo.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recordou que nas vindeiras horas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo onde se clarifican, con detalle, as obrigas do persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma e tamén do persoal docente.

Cómpre salientar que todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou instalacións administrativas e poidan desenvolverse a distancia, prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. “E todos os empregados públicos que realicen funcións dentro de edificios ou instalacións administrativas que non se poidan desenvolver mediante o traballo non presencial, deberán permanecer nos seus domicilios, quedando as súas actividades suspendidas temporalmente, salvo que desempeñen funcións de carácter esencial”, engadiu.

Ademais, precisou que se consideran funcións de carácter esencial as desempeñadas polo persoal directivo, así como as vinculadas a funcións como: seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, pago a provedores, habilitacións, a garda forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna, e todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerarse necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.

Naqueles casos en que as funcións de carácter esencial deban desempeñarse presencialmente, o titular do centro directivo establecerá as quendas necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar ao máximo o risco de contaxio laboral, arbitrando medidas organizativas para a protección da súa saúde, como pode ser a reordenación de espazos.

Así mesmo, todos os empregados permanecerán localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo de forma presencial se así se require por necesidades do servizo.

Por outra banda, e en relación á atención á cidadanía, con carácter xeral esta canalizarase a través do 012, sen prexuízo daquelas oficinas que se determinen polos titulares dos centros directivos polas súas funcións de carácter esencial.

Suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos renovarase no momento en que perda vixencia este acordo ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.

Ademais de recordar que os centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerán en réxime de quendas: unha persoa do equipo directivo do centro, Feijóo explicou que cada consellería ou centro directivo poderá ditar as instrucións oportunas, en desenvolvemento do presente acordo ou para adaptalo ás particularidades dos distintos colectivos afectados.

“En definitiva, temos por diante días moi difíciles, pero co traballo conxunto, co traballo dos profesionais sanitarios e coa responsabilidade e o sentidiño individual, estamos evitando que este problema sexa aínda maior”, dixo, incidindo en que Galicia seguirá traballando sen descanso.

Feijóo concluíu reiterando novamente o respecto e agradecemento a todos os profesionais sanitarios, así como a todos os corpos e forzas de seguridade do Estado e Protección Civil. E subliñou que Galicia, xunto ao resto das comunidades, queda convocada para un novo encontro co presidente do Goberno central, o vindeiro domingo 22 de marzo.

Imaxes relacionadas