O 061 de Galicia asistiu a 9 persoas por 7 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 27 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 29 de marzo, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 11 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 30 de marzo de 2020

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 9 persoas debido a 7 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 27 de marzo, ata as 23,59 horas do domingo, 29 de marzo. Os días que rexistraron máis incidentes foron o sábado e o domingo con tres sinistros de tráfico ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 11 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 7 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 9 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 44% e do 56% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33% dos atendidos tiña entre 40 e 44 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con catro sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes
A Coruña
4
Lugo
1
Ourense
0
Pontevedra
2
Galicia
7


Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 11. Así, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en seis sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nunha ocasión.

En oito casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e nunha ocasión atendeuse no propio lugar do incidente.