A Xunta perfila cos turoperadores galegos as medidas para reactivar o sector e minimizar o impacto da crise do coronavirus

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo un encontro por videoconferencia con representantes das principais empresas deste ámbito

Recompilou as súas achegas para deseñar futuras accións de promoción e novos produtos que favorezan a recuperación do sector no curto, medio e longo prazo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, perfilou cos representantes dos principais turoperadores galegos as medidas que a Xunta impulsará para favorecer a recuperación do sector e minimizar o impacto que terá nel a crise sanitaria provocada polo coronavirus. O encontro enmárcase da rolda de contactos que o Goberno galego mantén cos distintos axentes turísticos para avaliar o actual escenario e deseñar accións para facer fronte aos seus efectos.

Durante un encontro por videoconferencia con responsables das empresas Abramar, CN Travel, Interrías e Tee Travel, e na que tamén estivo presente o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o responsable de Cultura e Turismo destacou que o Goberno galego ten en planificación un investimento de máis de 25 millóns de euros para, entre outras medidas, deseñar accións de promoción unha vez remate a crise, conceder axudas directas ao sector ou desenvolver novos produtos turísticos.

Precisamente, Román Rodríguez recompilou as achegas dos principais turoperadores galegos co obxectivo coñecer as súas necesidades e telas en conta á hora de poñer en marcha as distintas iniciativas que se porán en marcha para favorecer a recuperación do sector. Neste sentido, incidiu na necesidade de manter unha intensa colaboración público-privada para traballar de xeito conxunto no día despois da crise sanitaria, impulsando medidas de reactivación no curto, medio e longo prazo.

O conselleiro lembrou que, desde o comezo da crise, a Xunta estivo en contacto permanente cos distintos representantes do sector turístico coa finalidade de avaliar as súas necesidades máis urxentes e perfilar medidas que permitan paliar o impacto desta situación, tendo en conta que o turismo representa en Galicia o 10% dos postos de traballo.

Primeiras accións en marcha

Entre as iniciativas postas en marcha por parte do Goberno galego no eido turístico destaca o Plan de teleformación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) que aspira a chegar a máis de 2.000 persoas. Esta acción ten como obxectivo mellorar as competencias os profesionais do sector a través dunha decena de relatorios interactivos sobre aspectos como a xestión dixital, a comunicación e o marketing en liña.

Os dous primeiros cursos celebrados xa esgotaron as súas prazas e este mes están programados outros oito que permitirán proporcionar aos participantes ferramentas prácticas de xestión para dirixir un establecemento de restauración incrementando a calidade dos servizos prestados a turistas e cidadáns.

Imaxes relacionadas