A Xunta aposta por unha xestión da crise sanitaria baseada na colaboración institucional e no apoio aos máis vulnerables

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na Deputación Permanente para dar conta dos acordos acadados no seo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop)

O Goberno galego tomou medidas con anticipación e de xeito transversal: no eido sanitario, social, local e da función pública

Mantivéronse un total de 189 reunións por videoconferencia coas administracións e axentes implicados na emerxencia sanitaria

Repartiuse material de protección aos 313 concellos, ademais de aos centros sanitarios e sociais

Están colaborando máis de 4.000 efectivos das Agrupacións de Protección Civil e dos servizos de emerxencias

Porase en marcha un servizo de atención psicolóxica destinado á poboación en xeral a través do 112

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

A Xunta de Galicia está a apostar por unha xestión da crise sanitaria provocada polo coronavirus baseada na colaboración institucional e no apoio aos colectivos máis vulnerables. Así o destacou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento para dar conta dos acordados acadados ata o momento no seo do Centro de Coordinación Operativa (CECOP), así como da cooperación co resto de administracións.

O CECOP está formado por representantes da Xunta, da Delegación de Goberno e da Fegamp, ademais dos distintos corpos de seguridade e emerxencias operantes en Galicia. Constituíuse como un foro de toma de decisións, que permite anticipar medidas e irse adaptando á normativa estatal. Grazas ao traballo dentro do CECOP, as medidas que se toman parten da coordinación de todas as administracións competentes, co que se gaña en eficiencia e evitan duplicidades.

Ata o momento, o CECOP reuniuse en catro ocasións. Os encontros serviron para tomar decisións en todos os ámbitos: sanitario, social, local ou da función pública, entre outros. Entre algunhas accións acordadas, destacan a habilitación dos servizos de extinción de incendios para a desinfección de lugares públicos; a posta en marcha do Comité de fabricación de emerxencia sanitaria; a reserva de establecementos hostaleiros para traballadores dos sectores estratéxicos ou persoas vulnerables; a blindaxe dos servizos sociais para persoas sen fogar; a flexibilidade no pago do alugueiro das vivendas de promoción pública; a liberdade de horarios para os establecementos de primeira necesidade; ou o protocolo destinado ao persoal empregado público, que intensificou o teletraballo.

En calquera caso, a colaboración institucional transcende máis alá do seo do CECOP. A acción da Administración autonómica está en todo momento coordinada co Goberno do Estado; cos distintos axentes que traballan na emerxencia; e, por suposto, cos concellos. De feito, nos últimos días realizáronse 189 videoconferencias para traballar con todos eles, das que 69 foron co Goberno do Estado.

A maiores, para coordinarse cos concellos e facer un seguimento das súas necesidades, creáronse dentro do CECOP os Postos de Mando Avanzando provinciais nas delegacións territoriais.

Neste eido, cómpre lembrar tamén que a activación en Galicia do PLATERGA supuxo a mobilización duns 4.000 efectivos que traballan precisamente no ámbito local: os membros das agrupacións de Protección Civil (levan realizados 15.700 operativos), dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (máis de 1.900 accións), e os bombeiros. Todos eles están levando a cabo un labor fundamental en tarefas como o reparto de alimentos, visita ás persoas que viven soas ou tarefas de desinfección.

Reparto de material aos 313 concellos

Estes efectivos, xunto con outro persoal dos concellos que realizan tarefas fundamentais como os policías locais ou o servizo de axudas no fogar, precisan de material de protección. Para dotalos do material necesario, a Xunta puxo en marcha o pasado 19 de marzo un operativo de reparto, en colaboración coa Fegamp, coa que tamén se pactaron os criterios de distribución. O reparto iniciouse nas delegacións e, posteriormente, comezouse a facer a través dunha plataforma loxística. A día de hoxe, o material xa chegou aos 313 concellos galegos. En concreto, achegáronse máis de 488.000 luvas, unhas 232.000 máscaras, máis de 2.700 botes de xel hidroalcohólico, un 12.200 traxes antisalpicaduras, 16.000 batas, 121 garrafas de desinfectante, e máis de 2.100 unidades de lixivia.

Cómpre destacar o esforzo de dotar de material aos concellos galegos, tendo en conta a falta de subministro por parte do Estado, a dificultade para acceder a material e que a prioridade é dotar de equipamentos de protección aos centros sanitarios e sociais. De feito, a través da mesma plataforma loxística empregada para o reparto dos concellos, procederase ao envío dunha importante dotación de material sanitario aos servizos sociais residenciais da Comunidade Autónoma.

Ademais do material, a Xunta tamén habilitou outras medidas para facilitar o traballo dos concellos, como a axilización de contratación de auxiliares de Policía Local que xestiona a Academia Galega de Seguridade Pública e que, durante esta emerxencia, abriuse tamén aos concellos que non tiñan convenio para facer uso da mesma. Grazas a esta iniciativa, cubríronse 84 prazas de 34 concellos ata o momento.

Na súa intervención, o vicepresidente adiantou tamén que se porá en funcionamento un servizo de atención psicolóxica destinado á poboación en xeral, que se prestará a través do teléfono 112 as 24 horas do día mentres dure o Estado de Alarma. Farase en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e estará atendido polos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).

Imaxes relacionadas